A vida de Instagram

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

MARCOS CREO

Lía estes días unha reportaxe dunha familia numerosa formada por un matrimonio con cinco fillos. Na nova, da conversa mantida, destacaban unha frase que me chamou a atención. Aseguraban que a familia era consciente de que a súa non era unha vida de Instagram, pero que a balanza saía positiva.

Pensei no poder que teñen as redes sociais, coma se as instantáneas que se amosan en Instagram fosen o modelo a seguir, o único xeito de felicidade. Levo unha tempada minimizando o mundo cibernético case ao inexistente. Leo algo de prensa, comparto estes artigos e pouco máis. Necesitaba un descanso profundo e iso implicaba tamén as redes sociais. No fondo, latexaba a necesidade de apartarme do irreal. Porque, non o neguemos, nas redes podemos atopar moitas verdades, pero tamén demasiadas aparencias que nada teñen que ver coa autenticidade. Está claro que todos preferimos que coñezan a nosa mellor cara, pero o perfil está delimitado por unha liña moi fina que vai pegada á mentira.

Non deberiamos aspirar a unha vida de Instagram que, dito sexa de paso, non sei moi ben que raio é. Eu prefiro a autenticidade, sacarlle zume ás posibilidades coas que contamos, por e para nós mesmos. Que o que fagamos sexa por desexo e vontade propios e gozando do momento, non para que os demais nos miren ou envexen.

Poñer un sorriso e un filtro para a foto non só engana a quen nos ve, corremos o risco de deformar a propia visión da realidade. E iso é moi perigoso. Acabaremos perdéndonos no mundo real.