A casa común europea

Gaspar Méndez ECONOMISTA. PROFESOR DE XEOGRAFÍA E HISTORIA NO IES LUCUS AUGUSTI DE LUGO

OPINIÓN

María Pedreda

17 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O título Hacia la casa común europea é o que se lle deu á edición en castelán dunha serie de discursos do último presidente da Unión Soviética, Mijaíl Gorbachov. O libro foi publicado en plena perestroika, pouco antes do intento de golpe de Estado de agosto de 1991 e posterior disolución da URSS. Neses discursos e entrevistas, Gorbachov insiste na necesidade de superar a Guerra Fría e construír, dentro dun clima de distensión e confianza mutua, a «casa común europea».

Así, no seu discurso na Sorbona, Gorbachov di compartir o criterio do xeneral De Gaulle, «quen concibía a Europa como o espazo entre o Atlántico e os Urais». Para continuar dicindo: «Vivimos en Europa e temos dereito a sentirnos europeos». Sen embargo, non é esa a percepción de Rusia que temos os europeos occidentais, que nos deixamos levar máis pola cartografía que pola demografía ou pola historia e damos máis peso a esa enorme masa continental asiática que tamén forma parte de Rusia.

De feito, cando nos referimos ás reformas de Pedro I ou Catarina II, dicimos que «trataron de europeizar Rusia», cando, en realidade, estaban importando as ideas da Ilustración, o mesmo que fixeron Carlos III de España, Xosé II de Austria ou Federico II de Prusia, dos cales non dicimos que estaban «europeizando» os seus respectivos reinos, porque asumimos, de forma indiscutible, que forman parte do que nós consideramos Europa.

Sendo fieis á verdade histórica, non nos queda outra que recoñecer as orixes europeas daqueles principados encabezados pola Rus de Kiev, que non só loitaron contra a dominación dos asiáticos da Horda de Ouro, senón que, por vez primeira na historia, déronlle a volta á tortilla, e xa non foron os pobos nómades das estepas asiáticas os que se lanzaron sobre Europa, senón que foron os rusos europeos os que dominaron esas estepas ata chegar ao Pacífico, e máis aló.

Pode que nesta percepción non europea de Rusia influíse a división en bloques posterior á Segunda Guerra Mundial, aínda que non por iso deixamos de considerar europeas, por exemplo, ás repúblicas bálticas. Se analizamos a cuestión desde o punto de vista dos intereses xeopolíticos, o coronel Pedro Baños, citando a Robert Kaplan, lémbranos que «Estados Unidos nunca permitirá unha verdadeira Europa unida, como tampouco pode permitir que a UE se una con Rusia, pois significaríalle un enorme prexuízo xeopolítico e económico».

A proposta, que co paso dos anos agora poderiamos cualificar de inxenua, de Mijaíl Gorbachov baseábase nunhas novas estruturas permanentes de seguridade que substituíran á OTAN e ao Pacto de Varsovia. «As fronteiras deben manterse intactas, pero adquirirán unha nova calidade: permeabilidade ampla e profunda para todo tipo de colaboración, para a comunicación equitativa e respectuosa», subliñaba Gorbachov.

Tamén nos lembraba que, segundo o guión norteamericano, «o arquitecto e garante da construción europea debe ser a OTAN», e unha das súas meirandes preocupacións era a presumible ampliación da alianza por mor da inminente unificación de Alemaña. A desintegración da URSS levou consigo á dese proxecto de casa común, así como o triunfo do «guión norteamericano».

Agora, á vista dos recentes acontecementos, cobran máis valor, se cabe, as palabras de Gorbachov, cando nos lembraba que «o noso pobo vincula a OTAN coa guerra fría, como unha organización hostil á Unión Soviética, como forza que acelera a carreira armamentística e aumenta o perigo de guerra... E nunca aceptaremos confiarlle o papel reitor na edificación da nova Europa».