Lembran cando Ana Botín dixo que baixara a calefacción a 17 graos? Houbo quen intentou facer chanza dicindo que aquilo era máis ben aire acondicionado... Pero, ai, amigas! Quen ri de última, ri mellor!!
Aí está o segredo. O Santander, banco que preside, acaba de incrementar un 33 % o seu beneficio semestral. Así que, realmente, aí está o truco, en pasar frío. Ben, non só iso. Tamén en non lavar prendas ou louza, nin ducharnos en auga quente, saír coa roupa sen pasarlle o ferro, esquecernos de usar o forno, movernos en coche propio... e, xa postos, pasar un pouquiño de fame e comer menos. Andar ás apalpadas pola casa para non prender a luz, desconectar todos os aparellos eléctricos... e así.
Os cidadáns, aforrando ao máximo. Por iso Iberdrola, aínda que consumimos menos, tamén incrementou o seu beneficio un 36 %. Será que nos cobran a enerxía eléctrica a prezo de ouro e claro, por moito que nos desenchufemos de todo, a ese custe, dálles para obter miles de millóns.
Non sei que medidas fiscais se van tomar, pero está claro que, polo momento, o pato estamos pagándoo os pobres, coma sempre, os cidadáns máis discretos, a maioría. Agora, fóra broma e ironía, que isto non é unha risa. Deberan tomarnos en serio e coidarnos. E, xa de paso, coidar do planeta. Vaian plantando árbores e buscando enerxías renovables. Que logo aínda protestamos se nos queren facer reducir o consumo de gas. Non imos chegar lonxe de seguir así, nin sequera os ricos. Non falo de persoas, senón de humanidade.