A atención

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

J.L.Cereijido | EFE

29 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Andaba a buscar as notas dunha charla á que asistira hai tempo nun deses caderniños nos que anoto ideas inconexas e frases inintelixibles, pois tomo notas sen mirar para elas. Pero non atopei o que buscaba, xa que parei nunha frase que no seu día fixérame reflexionar sobre como xestionamos o noso tempo libre. A frase (dunha curadora dun museo da cidade de Nova York) viña a ser algo así: «a media de tempo que pasa unha persoa mirando unha obra de arte nun museo son sete segundos». E logo eu apuntara «SETE SEGUNDOS!!!», así en maiúsculas e con tres signos de exclamación.

Quedei matinando niso uns días, pois esa mesma semana, no curso de verán que estaba impartindo, levamos os nosos estudantes a facer un exercicio ao museo da universidade. Un exercicio que requiría atención plena a unha obra de arte coa idea de practicar a observación obxectiva, sen xulgar. Curiosamente, uns días despois, no complexo de artistas no que traballa o Xan, organizaran un «laboratorio de atención» dedicado «á práctica colectiva e recuperación da atención humana», unha resposta á depredadora «economía da atención, a industria billonaria que busca monetizar todos os nosos momentos de vixilia para obter unha ganancia comercial».

Entón pensei na cantidade de cousas que unha deixa de facer por simplemente deixarse levar por esa «economía da atención», e na idea de que somos cómplices e vítimas dela, pois tamén nos consume. Xa imos aos museos do mesmo xeito que miramos Instagram, sen pararnos a reflexionar sobre o que vemos. O peor de todo é que non podemos deixar de formar parte dela porque, aínda que nos resistamos, xa conseguiu o que buscaba: a nosa atención.