Impotencia

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Brais Lorenzo | EFE

22 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis sentimos a triste impotencia de non saber que facer para axudar. Os montes arden, e milleiros de persoas ven como desaparece unha contorna chea de vida para dar paso a unha chea de cinzas. E por desgraza intuímos que isto so é o principio dunha nova tempada de incendios, pois temos a experiencia do ano pasado, e do anterior, e de hai un lustro, e unha década. Galicia, unha vez máis, queimada.

Supoño que se comezamos a buscar culpables, cada un, segundo o seu discurso, verá a causa nunha razón diferente, e a solución en ningunha parte. Pois cando o culpable é o outro (as administracións, os pirómanos, o cambio climático, etcétera), deixamos de sentir que nós tamén somos, dalgún xeito, responsables. Pregúntome que significa a responsabilidade social no contexto dos incendios en Galicia. Pregúntome se como sociedade estamos a facer o necesario para, polo menos, reflexionar sobre as razóns que nos levan a que todos os anos se repitan as imaxes de tristura, negrura, cinza e desolación. Pregúntome que podemos facer para contribuír a que isto non acabe sendo algo que aceptamos como unha desgraza máis, que se repite cada verán, e que está fora do noso control, coma un virus. Pois cando todos os mecanismos fallan, polas circunstancias que sexan (políticas, históricas, económicas ou sociais) a única esperanza que queda somos nós, os individuos. E quizais o máis complexo é non saber realmente como podemos asumir a responsabilidade de salvar o futuro dos nosos montes, da nosa terra. Pois, cales son as nosas ferramentas? E como podemos comezar a utilizalas para que ese verde cheo de vida que tanto nos define non remate sendo unha imaxe do pasado?