Serodias

Llerena Perozo Porteiro ECOFEMINISTA. SOCIA DE A GARGALLEIRA, PROXECTO AGROCULTURAL

OPINIÓN

Ricolto | EFE

08 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco menos de dous anos que a miña vida cambiou radicalmente. Movida tan só polo instinto e o sentido común, dei un triplo salto mortal que me levou a abandonar a cidade, o piso, o traballo e as cafeterías e plantarme nunha carpa baixo as árbores cos meus pés firmes na terra. Desde entón non fago máis que aprender. Levaba nesta aventura poucos meses cando o meu compañeiro e máis eu tomamos a decisión de plantar árbores froiteiras. Como todo na natureza, isto debe facerse nunha época determinada, aproveitando a parada vexetativa das árbores, que vén sendo entre novembro e xaneiro ata que o cambio climático dite outra cousa. Comezaba 2021, os concellos seguían perimetrados e entrar nun comercio era un risco e unha proeza, mais sentiamos que ficabamos sen tempo. Tiñamos présa. De non plantar daquela, teriamos que agardar todo un ano para poñer en marcha o noso plan. Así foi como me atopei nunha pequena agrotenda da miña comarca na procura de árbores. Diante de min entrara un home maior, moi maior, que camiñaba axudado polo seu caxato. O ancián expresou ao dependente o que buscaba cunha oración que chamou poderosamente a miña atención: «Facíame falla unha maceira serodia», dixo. Tanto me gustaron a expresión, a situación e o vello que rematei por pedirlle consello e levar, tamén eu, unha maceira serodia, sen ter nin idea do que iso significaba. No camiño de volta a casa, deume por matinar na vontade de vivir daquela persoa. Vería o froito da planta que levara? Moi probablemente, non. Os meses pasaron e, xunto coa maceira serodia, foron medrando ameixeiras, pexegueiros, cerdeiras, pereiras, figueiras, oliveiras, laranxeiras... De cando en vez, eu ollaba para Serodia (agora é o seu nome propio) e pensaba no vello do caxato, na súa capacidade de estar no presente, no absurdo de facer plans cando che queda tan pouco para vivir. Pasado un ano e medio, moitas floreceron. Mais só unha deu froito, amañecendo un día de primavera inzada de pequenos bolos verdes, proxectos de froita. Adiviña cal. Daquela comprendín algunhas cousas. Unha, que o home sabía o que facía. Outra, que falara con total propiedade cando dixera que a maceira, serodia, facíalle falla. E, sobre todo, que para vivir longo e en paz, se cadra a chave está no aquí e no agora.