Fabas e castañas

OPINIÓN

J.J.Guillen | EFE

04 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai que lle botar moita cara para mesturar fabas con castañas coa facilidade innata coa que o fai a presidenta da Comunidade de Madrid. A última resulta arrepiante. Na súa ansia por axotar as críticas da oposición e dos sindicatos á súa política de axudas a centros privados, non se lle ocorreu outra que estimar sorprendente que os menores poidan mudar de sexo ou abortar á marxe dos pais e, con todo, non teñan dereito a apañar unha bolsa económica por mor do alto nivel adquisitivo dos pais. Manda truco na Habana! Daquela, por que un adolescente pobre vai ter máis dereito ca un adolescente rico? Unha liberal coma ela non o pode permitir. Se os pais ingresan máis de 100.000 euros ao ano, os seus fillos non son responsables diso e, polo tanto, non deben ser condenados á indixencia en comparanza con outros compañeiros que teñen proxenitores que, pola súa culpa, non son quen de chegaren a fin de mes. Sería unha inxustiza. Así que hai que igualar a todas as persoas para poderen recibir as axudas.

Se nos paramos a pensar nas súas palabras, o máis doado sería sospeitar un punto de inconsciencia ou unha cabeciña que anda a velas vir e non as pensa, pero moito me temo que por tras desas arroutadas verbais hai unha ideoloxía de fondo que non acubilla no programa a palabra solidariedade e expresa a cara descuberta as gadoupas dun capitalismo que nunca busca o mellor da condición humana. Non é de estrañar que Díaz Ayuso promova esas axudas para un alumnado en situación socioeconómica desfavorecida porque tal como ela di, unha persoa cunha renda tan alta coma a súa, ten problemas para mercar unha vivenda en Madrid e pagarlles os libros aos fillos. Ser pobre nunca pode ser un mérito. Nin sequera sendo bo estudante. Faltaría máis.