Xenética forense

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

Sandra Alonso

23 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días anunciouse que o premio Princesa de Asturias de investigación científico-técnica recae en catro dos principais líderes mundiais no eido da intelixencia artificial. Abofé merecido: un deles conseguiu con ela predicir a estrutura de proteínas, unha das revolucións do século (levará pronto o Nobel) e os outros tres xa gañaran en 2018 o premio Turing (o Nobel das ciencias da computación).

 

A ese premio concorría tamén a candidatura de Alec Jeffreys e Ángel Carracedo, impulsada pola Xunta. Ángel é moi coñecido en Galicia, e moita xente sabe que se dedica á xenética, pero ao mellor non é tan sabida a súa maior fazaña. Cando se alumean as moléculas de ADN con raios X, créanse unhas sombras que en todos nós son iguais… agás nunhas minúsculas partes, que son únicas para cada persoa e ademais son transmitidas de pais a fillos. Jeffreys descubriu iso en 1984 e Ángel foi máis aló, perfeccionando e completando a idea e desenvolvendo o que hoxe se coñece como xenética forense. Con ela conseguiuse algo que hoxe é do máis normal: cun rastro biolóxico mínimo pódese identificar un delincuente, restos de falecidos, paternidades... Agora, cun resto de cuspe invisible deixado por un delincuente na escena do crime, mesmo se pode construír o seu retrato robot. Isto era só ciencia ficción a finais dos anos 80 e Jeffreys e Carracedo foron figuras clave nese avance xigantesco. Farase xustiza se lles dan o premio, non só en Asturias, senón noutros de maior envergadura, aos que habería que presentar tamén a súa candidatura.