As reservas privilexiadas

OPINIÓN

Salas | EFE

21 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Se o ser humano é un animal que se acostuma a todo, mesmo á calor extrema e aos fenómenos naturais violentos, como alguén dixo, as preocupacións polos efectos evidentes do cambio climático van seguir no mesmo punto e as emisións non se reducirán o máis mínimo. É triste, pero o mundo que construímos é egoísta e non pensa o máis mínimo no futuro que lles imos deixar ás vindeiras xeracións.

O outro día subimos en bicicleta ao monte Enxa, que ten unhas marabillosas vistas sobre a ría de Muros-Noia, e un dos amigos non puido termar da emoción diante dunha paisaxe tan fermosa e asegurou que o monte Louro tiña un aquel co Pão de Açúcar de Río de Janeiro e que a praia de Louro non lles envexaba nada ás de Ipanema e Copacabana. Coincidían os días coa onda de calor que estaba a castigar toda a Península e aquí eramos unha das poucas excepcións onde se podía saír á rúa sen risco de sufrir un golpe de calor a mediados de xuño.

Na súa afervoada reflexión, o amigo agoirou que en menos de cincuenta anos este miradoiro sería un lugar turístico dende o que se podería ver a cidade que, sen dúbida, se instalaría aquí e abranguería o territorio que vai dende Noia a Muros. Non nos resultou estraño aos demais facer unha abstracción da súa predición, porque, se o planeta segue a ferver e a frecuencia extrema das temperaturas xa prenden no mes de xuño, este recanto pode virar nese futuro hipotético nun novo Mediterráneo. Con moitos dos alcaldes que temos no país, que só ven o progreso na masificación e os cartos, non sería tan estraña a colonización urbana vida doutras partes máis ricas para construíren aquí a súa reserva privilexiada, iso si, con favelas a gabearen polo monte Louro para termos a copia auténtica de Río que sospeita o meu amigo. Agardemos que non.