Oficios en perigo

Xavier Alcalá
xavier alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

20 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dobraxes de filmes e lecturas de textos veñen dando moito traballo. Velaí os actores de dobraxe e os lectores de audiolibros e podcasts

Pero realizan oficios que poden ter os anos contados, como se cadra o da tradución en xeral, incluíndo pezas literarias e fraseados de películas. Aínda máis, tamén van sobrar locutores de radio.

Para todo iso acontecer, xa están postos os alicerces telemáticos.

Así, medraron en disparada a potencia dos ordenadores, a facilidade de programación e a velocidade de transmisión de datos entre servidores e dispositivos receptores.

Desde hai anos trabállase con tradutores de idiomas e sintetizadores de voz de calidade deficiente, pero aceptable, malia casos coma os da «Festa do clítoris das Pontes», en lugar da Festa do Grelo, ou do «Desván de los Monjes», traducción de Sobrado dos Monxes.

Porén, están moi refinados os analizadores sintácticos universais que, coa súa intelixencia artificial, non cometerán os erros dos exemplos anteriores, pois descobren (como a mente humana) a substancia do expresado en todos os idiomas.

E xa se pode comprobar a calidade prosódica dos robots de lectura da presente xeración.

Ante isto, cumprirían crear dobres titulacións universitarias de telemática e filoloxía: cando se prevé falta de traballo de artista, que non falte o de tecnólogo-humanista, pois imos seguir consumindo produtos audiovisuais e audiotextuais.