A lei da prostitución

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

18 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Moisés baixou do monte Sinaí coas pedras nas que Yahvé escribira os dez mandamentos e leullos aos israelitas. Ao chegar ao que dicía «Non fornicar», todos, homes e mulleres, berraron que non o querían. Moisés foi ver a Yahvé e contoullo, pero Yahvé respondeu: «Hai que roelo», e Moisés baixou, repetiu a lectura e cando no sexto todos berraron que non o querían, acougounos: «Tranquilos, que haberá manga ancha».

E así foi. Cantas leis se promulgaron en España desde a Idade Media ao franquismo para poñer fin ao puterío, aplicáronse con manga ancha porque sempre se entendeu como un mal necesario. O primeiro intento de abolir a prostitución en España foi a manifestación feminista, encabezada pola xornalista Carmen de Burgos, en 1921, que chegou ao Congreso e entregou ao presidente un documento esixindo entre outros dereitos da muller, «una ley que acabe con la prostitución reglamentada y persiga hasta la extinción completa esta infección moral». As mesmas vindicacións faríaas no Congreso Clara Campoamor, identificando prostitución e «trata de brancas». A República prohibiuna, pero Franco aboliu a lei en 1941; e creou o Patronato de Protección á Muller —que presidiu a súa— para rehabilitar as «mulleres da vida» en casas de acollida. Falta lles faría ás coitadas, que Vallejo-Nágera, xefe dos servizos psiquiátricos do exército de Franco, afirmou que «más del 50% de las rameras son deficientes mentales y casi todas amorales».

Hoxe o problema é moito máis grave. Fálase de 300.000 mulleres prostituídas en España, as máis delas polas mafias, e —arrepía dicilo— somos un país de turismo sexual. Por iso a nova lei será eficaz se hai recursos para ofrecer ás vítimas un proxecto de vida alternativo e á policía medios para enfrontarse ao crime organizado. Os policías de hoxe pouco teñen con aqueles da miña mocidade que ían aos burdeis e non pagaban. Reconforta oír aos mandos que falan de concienciar aos clientes, facéndolle ver que quizais detrás daquela muller que vai «facerlle un servizo» hai unha escrava e el contribúe a que o sexa. E reconforta oílos dicir que non perseguen a prostitución, senón a explotación sexual.