As mazás eivadas

OPINIÓN

Miguel souto

10 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo en que se aproveitaba todo. Daba igual que a mazá tivese bicho como que a pataca nos saíse coa forma orixinal dun cacto. Todo tiña o seu uso. E o curioso é que ás veces neses froitos espallados polo chan, aínda que estivesen ben mazados, tanto valían para unha compota, unha marmelada, o engadido dunha merenda ou un alimento ideal para o gando. Nada se tiraba nas casas porque os nosos pais viñan de se criar nunha época en que a fame resultaba a mellor das cociñeiras. Non esquezo as miñas avoas poñéndose no ceo cando deixaba unha codia de pan ou algunha peza de froita no prato. Era algo sacrílego. Por iso, non me queda outra que aplaudir a lei que vén de aprobar o Consello de Ministros e que sinala o camiño para non desbaldirmos a comida e reducir as toneladas que van ao lixo. Unha vez se ratifique no Congreso dos Deputados, as grandes superficies, mesmo os agricultores, terán que lles abrir as portas a eses produtos con eivas que nunca están acordes coa estética á que nos últimos anos nos acostumaron. E, malia que sempre nos meten todo polos ollos, as máis das veces as contas saen furadas porque unha boa aparencia non garante o interior, nin unha fermosa envoltura ofrece un mellor sabor e calidade. Así, entre esas medidas estipuladas ábrese a obriga de ofertar rebaixados eses alimentos feos que sempre se retiran da liña de mercado, sen reparar en ningún tipo de ética nin problema medioambiental. Teño para min que, con independencia dos demais obxectivos que se acaden coa lei, o que máis celebrarei será a posibilidade de que as persoas con poucos recursos poidan acceder a estes produtos imperfectos, que lles chegarán non ao estómago coma ás persoas ricas, senón ao corazón.