Son dous solteiros de ouro. Un anda cos papeis da xubilación, pero aínda conserva ese atractivo dos vellos dandis. O outro, moito menor, foi definido nesta mesma columna cunha expresión severa: corpo atlético. Estou a falar do Toñín Rojano e do Julio do Salgueiro. Levan a súa solteiría como unha bandeira. Razoan en innumerables ocasións sobre a fortuna de non casar. Dan leccións de cómo conservar ese estado durante anos, alleos ás imposicións consuetudinarias. Alleos, mesmo, aos consellos de familiares e amigos. Sempre lles dicimos que podían estar casados, ter fillos, deixar a súa xenética admirable a novas xeracións. Negan coa cabeza e piden outro vaso. Están cansos das admonicións dalgúns coñecidos. Un deles, especialmente. Casado, con fillos e que algunha vez tivo que saír do bar porque a súa señora foi buscalo: pasaran as dez da noite e aínda non aparecera na casa. Non vou citar o seu nome. Hai segredos que convén manter. Sobre todo despois do que sucedeu hai uns días nun bar da vila. Non era un dos nosos refuxios habituais e, polo tanto, a clientela do local resultaba descoñecida para todos. Case todos. Porque o individuo do que falei arriba, tan felizmente casado, xa nos recibiu cun sorriso irónico e burlón. Primeiro mirou ao Julito. Despois ao Toñín Rojano. E empezou co conto de cada día: «Está pasándosevos o arroz... mira que seguir solteiros... non vos van querer nin no asilo». O Julio puxo mala cara. O Toñín, tamén. Insistiu o home: «A ver se casades, xa medio tortos e aínda sen muller». O Toñín, co botellín na man, mirouno de fronte. Contestou: «Si, home si... para ter unha como a túa, mellor quedar solteiros». Aínda non volvemos a aquel bar.