Eurovisión

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

EBU / CORINNE CUMMINNG | EUROPAPRESS

15 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasou Eurovisión. Sei que pode parecer absurdo, pero non está de máis lembrar o que é: un festival da canción. Pode gustarnos máis ou menos, facernos crer que podemos elixir ou que vén todo dado, manternos pegados ao televisor ou deixarnos na ignorancia do seu devir... pero non debemos esquecer que é un concurso musical.

A candidata de España tivo que superar un proceso de selección para chegar ata aí. O desenvolvemento do mesmo suscitou moitísima polémica, pois os gustos de moitos seareiros parecían estar ben afastados da proposta que nos simbolizará. De aí á treboada nas redes sociais, non faltou nada. E iso, por favor, non debería repetirse.

Chanel pode parecernos máis ou menos representativa do estilo musical propio e incluso dunha imaxe da nosa sociedade, pero é unha artista que propuxo un produto que foi seleccionado para representarnos no festival. Entendo que haxa quen sente unha profunda decepción e tiña todo o dereito a protestar. Como? Non vendo o festival, votando por outra canción que realmente lle parecese merecente do premio, non mercando a súa música... Hai moitas maneiras de amosar o desgusto, pero ningunha delas pode pasar polo ataque desapiadado e o linchamento nas redes (en persoa non se me pasa nin pola mente) á cantante. Non é elegante, nin civilizado nin xusto nin nos reproduce. E xa que queremos que nos represente alguén ao noso gusto, fagamos nós exactamente o mesmo, deamos exemplo.

Non é unha obriga aplaudir, mais si o non lapidar. O erro está no sistema.