Pegasus é un asunto serio

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

JON NAZCA | REUTERS

10 may 2022 . Actualizado a las 14:44 h.

Chama a atención a forma de tratar este asunto nos medios políticos e na opinión pública. Denota as horas de democracia liberal que faltan en España. Espiar partidos ou persoas é un asunto serio en democracia porque atinxe seus fundamentos básicos do sistema. A cuestión non é quen son os espiados. Xustificalo co argumento de que son independentistas, por parte dunha ministra que é xuíza, aínda engade máis perplexidade. O importante é que o Estado non pode utilizar servizos de intelixencia que deben empregarse contra ameazas exteriores para espiar dirixentes políticos que forman parte do Estado, como autoridades ou como representantes, nin con autorización dun xuíz. Pero hai máis.

Pegasus é o nome dun sistema de espionaxe das nosas comunicacións privadas que usado, aínda non sabemos como, está provocando una amplo escándalo, con consecuencias políticas de moito calado en relación coa gobernabilidade e a estabilidade parlamentaria do Goberno. Pero o realmente grave é que polo que xa sabemos vulnera o sistema de liberdades e garantías definido na prehistoria dos sistemas políticos liberais dende o Bill of Wrights de 1689. My home my castle (a miña casa, o meu castelo) expresaban os ingleses para definir a inviolabilidade do domicilio fronte á arbitrariedade do feudalismo. Principios estendidos despois en forma de garantías procesuais, dereito a un xuízo xusto diante de autoridades lexítimas. Resumindo, todo o que define os dereitos individuais que un século máis tarde serían consagrados pola Revolución Francesa.

Isto é o que pon en cuestións Pegasus. Isto é máis importante que unha votación e mesmo que o espiado sexa o presidente do Goberno ou o da Generalitat. Por iso resulta fundamental esclarecer que pasou. Superando os trucos: pode que Junts destapara o asunto para atar a ERC á súa posición, pode que uns descontrolados do CNI traballasen para amolar ao presidente do Goberno, pode que Marrocos espiase á ministra de Exteriores, pode... Estamos nun deses casos onde non hai que fiarse de aparencias que son trampantollos, o que hai que saber é onde da a volta o aire.

A espionaxe interna a través de Pegasus é un asunto serio porque atinxe aos dereitos e liberdades mínimas que deben ser garantidas polo Estado aos cidadáns para evitar a arbitrariedade policial e xudicial. Movémonos nas dimensións do século XXI e do metaverso, non nas do século XVII e o feudalismo, pero o substantivo segue a ser que garantir a inviolabilidade dos dereitos individuais e o exercicio das liberdades públicas é o que diferenza a democracia da ditadura. E non hai volta.