Baixar a igualdade

OPINIÓN

Marta Fernández Jara | EUROPAPRESS

04 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A dereita, sen complexos, volve axitar o galiñeiro coa promesa da baixada de impostos. Non abondou que a consideración do Estado como garante do noso propio futuro saíse reforzada na pandemia. Tanto ten. O asunto é teimar contra o evidente a base de titulares que ocupen o debate político. E queirámolo ou non, o camiño sempre é o mesmo. Se queremos estados de benestar non queda outra que poñer medras na presión fiscal e pasar unha boa parte das rendas a mans públicas para acadarmos unha mellor redistribución da riqueza e mais un aceptable grao de cohesión da sociedade. É cousa sabida que a suba de impostos tradúcese en sistemas sanitarios potentes e nunha garantía dos servizos sociais básicos. Por iso, cómpre desmontar este discurso dunha parte da dereita que se envolve nunha demagoxia liberal que non busca a igualdade nin a xustiza fiscal, aínda que cando goberna non lle importe virar as tornas e propoñer calquera suba. A realidade é que a nosa presión fiscal é menor que a doutros países europeos avanzados e o obxectivo debería ser corrixila, porque o capitalismo liberal non adoita buscar a mellora da condición humana. Sei que a confianza no Estado non se pode institucionalizar, pero mellor nos iría se descargásemos no público as nosas esperanzas. De aí poida que viñese a maior riqueza dun país como é a da igualdade. Velaí están Finlandia e Suecia como dous dos países máis ricos do mundo en canto á súa renda per capita e ao seu PIB, mantendo unha distancia pequena entre ricos e pobres en comparanza con outros países, e sempre á cabeza nos índices de benestar. Ese é o camiño, por moito que esta dereita renovada siga a usar a mesma cantilena liberal da baixada de impostos que, o único que agacha, non nos enganemos, é a desigualdade.