O médico e escritor Pedro Laín Entralgo estaba en Santander cando se produciu o Alzamento. A cidade quedou en poder do Goberno e días despois reflectía o ambiente bélico que se espallaba por España. Laín afiliárase recentemente á Falanxe e quixo marchar axiña, pero necesitaba xustificar a súa presenza na cidade e acudiu ao despacho do poeta Pedro Salinas, secretario xeral da Universidade Internacional, para pedirlle un papel timbrado que certificase a súa asistencia aos cursos nos que participara. Salinas non llo deu. Díxolle que non podía facelo sen poñelo en coñecemento das autoridades da Fronte Popular, e a min, desque coñecín este feito, interésame máis o Pedro Salinas poeta que o Pedro Salinas persoa.
Moitísimo peor ca el escribía Marcial Lafuente Estefanía, popular autor de novelas do oeste na miña adolescencia, que non me gustaban nada; pero ao saber que na Guerra Civil fora concelleiro anarquista en Chamartín de las Rosas e salvara de ser paseados a varios veciños de dereitas; que ao entrar en Madrid os nacionais o condenaron a morte e conmutáronlle a pena polo testemuño de xente que protexera; que foi ao cárcere, onde empezou a escribir… Cando souben todo iso, aínda que me interesa máis como persoa que como escritor, prometín volver ler unha das súas novelas e algún día fareino.
Salvar vidas en plena Guerra Civil, cando tantos se esforzaban en roubalas, foi un acto heroico; de xente especial. Pero hoxe importa tamén salvar a honra dos mortos e a Lei da Memoria Histórica permitiunos anular consellos de guerra e sentenzas condenatorias contra os derrotados, polo simple feito de selo. Porén, a xustiza que reclamamos para a nosa xente debe ser para todos. E non é así. A moción que o BNG e FeC levaron á corporación municipal de Ferrol para retirar a José María González-Llanos o título de Fillo Predilecto da cidade e a estatua que o representa foi inxusta, aberrante e disparatada porque, por incrible que resulte, partiu dun suposto falso: a súa presenza no buque Canarias que bombardeou a poboación de Málaga cando fuxía da cidade. Porque González-Llanos foi oficial no Canarias de agosto a novembro de 1936, e non estivo no bombardeo da poboación, en febreiro de 1937, cando era director de Bazán. Os datos publicounos o mariño e historiador Jaime Antón Viscasillas, en 2016; e o BNG e FeC farán ben en deixar a polémica porque se a moción foi unha pallasada, seguir groña que groña é facer o ridículo e descualificarse politicamente.