Libros na infancia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

XOAN CARLOS GIL

04 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O 2 de abril foi o Día do Libro Infantil e Xuvenil. Na casa, un día máis no que celebrar a literatura. Unha xornada para ler, un día no que as miñas nenas se mergullaron nas páxinas que elixiron. Unha noite na que nos deitamos xuntas ao abeiro dunha historia.

Hoxe quixera falar só diso, das imaxes que deben encher as cabezas da rapazada, imaxes que ilustren os soños máis marabillosos e fermosos, imaxes que lles fagan sorrir, pensar, tamén pasar medo, e medrar. Imaxes que, en definitiva, sexan un acompañamento de vida.

Quixera pensar só nos libros e na súa necesidade, pero son incapaz. Non podo porque, aínda que pecho os ollos nada máis detecto o horror, a miña mente ocúpana corpos tendidos polo chan, inertes, masacrados no medio do horror dunha guerra. Non soporto esa crueza. Inconscientemente aperto as pálpebras, como se xuntándoas puidese fuxir da atrocidade. Antes, de nena, podía pechar os ollos e, con ese xesto, os monstros desaparecían. Agora xa non funciona. Se os abro, aínda que na televisión xa mudasen a escena, a guerra segue o seu avance atroz e desapiadado.

Hai nenos que non só ven iso. Víveno! Oxalá estivesen inmersos na ficción da literatura, nos contos creados para facelos soñar. Mais no seu caso, nin os soños os liberarán da barbarie. Ningunha infancia merece semellante crueldade.

Os libros, que tanto dan e gardan, non poderán agochar esta dor. Algo non vai ben se non son refuxio. Lembremos que a infancia é un tesouro a coidar. Nela habita o futuro.