Tanto ten

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR

OPINIÓN

STRINGER

29 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño diante dos ollos, sobre a miña mesa, unha foto en branco e negro. É unha escena dunha guerra que non sei cal sería. Unha de hai moito tempo, seguro. Non está datada. Mais penso: tanto ten. A fotografía, tomada dende o chan, quizais para acentuar o dramatismo, amósame un grupo de mulleres camiñando soas por unha paisaxe sen árbores nin vida. Unha leva sobre as costas, que se curvan, unha maleta pola que sobresaen teas. Detrás súa, unha nena con cara de suplicio arrastra unha especie de saco, un vulto sen moita forma definida. Debaixo do outro brazo, un boneco. A foto non é o suficientemente clara como para que poida percibir que é o que leva a nena pegado ao van. Mais penso: tanto ten. Será un osiño de peluche. Quizais unha boneca. Detrás da nena van dous vellos, el e ela, agarrados da man. El leva unha pucha. Ela, un veo na cabeza. Tento maxinar a cor dos seus ollos. Imposible. Mais penso: tanto ten. A foto remata cun mollo de figuras humanas tamén cargadas con cousas. Todos foxen dunha guerra. Todos escapan do medo. Mais o medo lévano pegado ás costas. Por moito que corran, non poden despegarse do medo. Quizais no instante no que o fotógrafo tirou a foto saltáballes o corazón dentro do peito polo ruído das bombas. Ou dos tiros. Ou de nada e todo iso xa quedaba atrás. Mais penso: tanto ten.

A foto é idéntica, malia que ten décadas, a calquera das que hoxe se tiran en Ucraína, en Iemen, en Siria, en tantas guerras. Antes foron outros señores da guerra os que facían que a poboación civil escapase. Pensádeo a modo: en cuestión de minutos ter que facer unha maleta, unha bolsa, meter o que sexa dentro, o que?, tanto ten, o que sexa, mais escapar, saír pitando. A vida non sabemos onde está pero está lonxe. Cómpre escapar. E a nena que volve por un momento ao interior da casa e colle o peluche. Igual ten nome o peluche. Terá nome? Eu non o sei. Mais penso: tanto ten.

Tanto ten como se chamen os que morren nas guerras. Tanto ten cal sexa o seu suplicio. Tanto ten que fuxan duns ou que fuxan doutros. Sempre son os mesmos, as mesmas, sempre as mesmas persoas as castigadas, sempre os mesmos homes que un día abandonan a súa vida para que alguén lles poña un fusil nas mans e lle diga, ti, dispara, faino ou serás ti quen morra. Sempre as mesmas mulleres as violadas cando as tropas entran nas cidades. É así de sempre: hai un botín, vaiamos por el, e os corpos das mulleres adoitan ser sempre parte dese botín diabólico.

Esa foto non caduca. Esa instantánea vale para calquera tempo, lugar, guerra. Non sei cando se tomou. Mais penso: tanto ten. Todas as guerras son a mesma guerra e todos os mortos son os mesmos mortos. Xente coma ti e coma min. Todos inocentes. E os que provocan todo isto, que saben que morrerán milleiros, din, antes de apagar a luz e durmir coma anxiños: tanto ten.