As pedras de Joyce

OPINIÓN

Bettmann / Corbis

27 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cen anos de Ulises e vinte sen Carlos Casares son dous aniversarios que me fixeron lembrar estes días o convite de Suíza para falar do autor de Ilustrísima, xusto no ano en que lle dedicamos as letras galegas. Alí souben que, vinte anos atrás, el estivera a falar de Ánxel Fole. Foi emocionante pasar por onde Carlos estivo, tratar con xente que o escoitou, asinar nos mesmos libros de visitas ou ser acollido cunha xenerosidade familiar pola mesma persoa, Quique Nogueiras, un limiao ben informado que converteu a emigración, non nunha patria portátil, senón nun destino confortable, sen perder a perspectiva da súa procedencia. Por Quique souben que Carlos non só estivera na casa onde Joyce escribiu en 1918 os primeiros capítulos do seu Ulises, senón tamén no camposanto de Fluntern para visitar a tumba do escritor irlandés. Alí, Carlos colleu mirto e un par de pedras que se cadra chegaron á casa de Vilariño e se mesturaron con outros croios do país.

Quen o sabe? Sen ser supersticioso, fixen a mesma visita que Carlos e coidei que se abría unha fermosa oportunidade de o lembrar apañando outro par de pedras que axiña gardei no peto da chaqueta. Cando horas despois eu falaba con entusiasmo da vida e a obra de Carlos no centro galego de Zug, ninguén dos que asistían á miña charla podía sospeitar que eu estaba a acariñar cos dedos da man esquerda as pedras da tumba de Joyce. Todo o que había de emoción nas miñas palabras parecía xurdir do contacto frío que a pedra deixaba na xema dos meus dedos. E por un momento asusteime e sentín un arrepío ao cavilar que talvez algún día no futuro, agardo que dentro de máis de vinte anos, un amigo, cun par de pedras no peto, poida falar ben de min en algures, mesmo en Suíza.