Putin e mais eu

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

ALEXEY PAVLISHAK | Reuters

14 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Europa recuperou a compaixón polos refuxiados —só se son brancos—, pero segue sen asumir que o xenocidio e o fascismo fan parte do seu ADN na mesma medida da democracia. Así que, benvidos a este punto en que todo se repite!

Comparto con Putin o defecto da afección á Historia que nos fai sabedores, a Putin e a min, de que o xornalismo xa só é documento. Os nosos artigos serán a crónica coa que outros nos responsabilizarán dun erro que traza unha liña entre a guerra de Bosnia, o ascenso de Putin e a construción da Rusia postsoviética, mentres Europa deliraba nos felices anos mil. Porque Putin e mais eu xa limos gobernos lexítimos pregando axuda contra un sátrapa fascista. El xa sabe que pasa con iso de armar guerrillas para gañar tempo e deixar caer un país para construír a muralla do do lado. Xa foi isto de lucir as xoias no teatro ao son das alarmas antiaéreas, coa música, a literatura e a pintura dedicándose ás chorradas dun tempo fugado en soños de grandeza. Supoño a Putin, iso si, demasiado ocupado entre mapas e kalashnikovs, como para fascinarse coma min con todos eses libros cheos de parágrafos sobre miudezas tiradas do Instagram que se publicarán coma se, diante da barbarie, nós importásemos algo.

Abráiome diante do paralelismo cun pasado que lía crendo que, para a seguinte, saberiamos estar nun lugar de compromiso e acción que os escritores que me precederon aprenderon tarde, e que non volveriamos substituír con caridade o noso tremendo erro repetido: tolerar aos bárbaros. Tamén en España. Pero vostedes sigan coa Champions ata que os nazis lles corten a luz e, estrañados, asomen a ver de novo a Hitler fotografándose baixo o Arco de Triunfo mentres medio país se resigna e o outro medio aplaude.