A batalla da información

Víctor Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

FAZRY ISMAIL

06 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Mellor deberíamos dicir a batalla da desinformación, ou da propaganda, que os teóricos definen como a técnica de difundir mensaxes coa idea de xerar opinións, emocións, actitudes e comportamentos contra o inimigo, ao servizo dos intereses propios. Hoxe como dende o principio dos tempos. Sabemos que a Guerra das Galias, o texto latino de Xulio César que estudabamos no Bacharelato como exemplo de prosa eficaz e directa, respondía a un plan político moi definido para elevar o seu autor ao poder máximo en Roma. Jenofonte, Tucídides, Herodoto, pais da historia e en certa maneira do xornalismo, movéronse varios séculos antes polos mesmos intereses.

Na Idade Media os romances intentaban transmitir noticias dirixidas ao público que non tiña acceso á lectura, gabando as fazañas dos heroes na guerra de Granada, o cerco de Lisboa, o paso de Roncesvales. Outrosí na axitación popular galega contra o francés, nos primeiros anos do século XIX: Proezas de Galicia (1810).

A revolución tecnolóxica da comunicación multiplicou por millóns a capacidade de axitación (e manipulación) das masas. Todo se pode preparar e, chegado o caso, xustificar. Pensemos na guerra de Cuba de 1898, coa información da prensa sensacionalista dos Estados Unidos de América (Randolf Hearst) verbo do afundimento do acoirazado Maine, que resultou ser falsa cando xa non tiña marcha atrás, para forzar a entrada da sociedade norteamericana no conflito.

A propaganda de Hitler, planificada polo ministro Goebbels, preparou a opinión pública para a invasión de Checoslovaquia informando de supostas matanzas contra a poboación alamana naquela república. Estratexias semellantes seguiron outros bandos nas desgraciadisimas guerras da ex Yugoslavia, igual que ocorreu coas armas de destrución masiva de Iraq, as accións en Palestina, os silencios interesados no continente africano...

O mundo é así dende o principio dos tempos. A cultura e os valores humanistas intentan harmonizar as dúas caras da nosa condición: o diaño negro que levamos dentro, alimentado de egoísmo e violencia, e o anxo que ás veces nos redime. Nestes días podemos ver esas dúas caras: a destrución da Ucraína e o exército de solidariedade coa xente que demanda amparo. Semella un eufemismo falar de corredores humanitarios nalgunhas cidades do sur da república, disque promovidos polo exército ruso, cando do que se trata é de evacuar a poboación civil e facilitar desa maneira a rápida ocupación militar dos territorios, con custes propagandísticos mínimos. Nunca o xornalismo foi tan necesario: xornalismo crítico, documentado e democrático ao servizo das verdadeiras vítimas destas traxedias, ás que faciamos referencia na marea da pasada semana. Imposible ficar indiferente diante dos ollos dos rapaciños e rapaciñas que estes días están a perder a inocencia, agardemos que non a fe na condición humana.