Terranova

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

GREG LOCKE | Reuters

21 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Terranova é unha illa. O significado do seu nome non ten moito misterio, bautizada ao ser descuberta por un navegante. Non era unha illa deserta. A historia dos aborixes colonizados nas súas terras tampouco ten nada de nova...

As illas adoitan chamar polo misterio. A literatura, posiblemente, ten moito que ver nisto.

O caso é que Terranova foi a primeira en ter novas do afundimento do Titanic, converténdose así no porto base daquela traxedia. Este suceso alimentou fortemente a lenda das augas que tragaban barcos, coma se nesa zona houbese unha boca agochada que, ao abrir as súas fauces, fixera desaparecer nun segundo o que tivese enriba.

Non hai un monstro de lingua afiada nin infinidade de brazos helicoidais. Non hai misterios, tan só a crueza da realidade.

Gústanos o mar para ir á praia, refrescármonos e gozar del. Ata o seu roncar nos arrola coma nun soño pracenteiro. Mais o mar non é tan só para o verán, nin para a beira. O mar é un profundo océano, escuro, xélido, afastado. Un lugar rudo e voraz no que buscar a vida. Porque iso facían os mariñeiros do Villa de Pitanxo, ganar o xornal. Non era un día especial, tan só un máis. Os riscos corríanos a diario. Ás veces máis, ás veces menos. Bailaban coa deusa Fortuna mentres a desgraza os vixiaba de esguello.

Alcanzounos a traxedia. Ten que ser terrible ser conscientes do afundimento, incluso alcanzar unha balsa salvavidas e sentir como o frío vai tomando pouco a pouco o corpo. O monstro tamén é a incerteza, a que xamais abandonará esas familias.

Lembren todo isto cada vez que escoiten a palabra mariñeiro.