É un proceso silencioso, que nos envolve pouco a pouco, sen que nos decatemos. É como unha brasa incandescente que libera un fume tóxico, denso, resultado dunha combustión lenta sen chama que, cando prende, apáganos a nós e, ao seu paso, leva consigo o entusiasmo, a dedicación e a dilixencia coa que entramos no traballo o primeiro día. Ese tizón candente consume a nosa enerxía, esgótanos e fai que teñamos dificultades para facer fronte ás demandas cotiás. Devora a nosa vontade e provoca que nos sintamos indiferentes coas tarefas que facemos e distantes coas persoas ás que prestamos servizo. E mesmo sementa en nós o inzo da dúbida sobre a nosa propia competencia e capacidade. Así funciona o desgaste profesional, o chamado burnout.
Desde o pasado 1 de xaneiro, a undécima revisión da Clasificación Internacional de Enfermidades da OMS recolle este síndrome como un fenómeno ocupacional resultado dun estrés que non se manexou con éxito. Este benintencionado cambio é unha navalla de dobre fío. Aínda que activa as alarmas sobre un risco crecente, pon o foco de atención no lugar equivocado. Suxire o que está mal nas persoas «queimadas», en lugar do que non funciona nas empresas incendiarias. A solución pasaría logo por intervir sobre a persoa, non sobre a organización. Porén, non se trata dun problema individual, tampouco é temporal e, sobre todo, non se resolve nin se extingue por si só. Pola contra, é preciso introducir cambios na contorna laboral, nas condicións de traballo que orixinaron o problema, modificando a súa estrutura e funcionamento. Máis como non está reservado para casos excepcionais, a axuda definitiva chegaría dun cambio lexislativo que incorpore este proceso como enfermidade profesional. Que non todos manifestemos os síntomas non significa que non o suframos, do mesmo xeito que non ver fachareadas non implica que non haxa lume. Cómpre lembralo mañá cando vaiamos ao traballo porque tal vez, sen sabelo, entremos nunha empresa en chamas que nos pode queimar.