Crónica da esperanza

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

ALBERTO MARTI VILLARDEFRANCOS

23 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira idea para titular esta marea foi Crónica dunha resistencia, en parte por seguir o subtítulo que Henrique Monteagudo dá ao seu libro O idioma galego baixo o franquismo. Da resistencia á normalización, que vén de publicar Galaxia: una crónica de corenta anos, dende a Guerra Civil ata a morte do ditador Franco, coa realidade social e política da lingua galega como fondo. Se asumimos que unha lingua é fundamentalmente un produto social, a crónica que nos propón o autor é o relato dun tempo histórico ollado dende a consideración desa realidade, explicando as circunstancias, os momentos de tensión, as estratexias dos resistentes, os pasos que se foron dando malia as angosturas dominantes, a furia dos represores, mais tamén a fenda de luz que paseniñamente se foi abrindo, non por improvisación nin por casualidade, senón como resultado de actuacións intelixentes que ao cabo embocaron no que agora somos.

Por iso acordei titular esta marea dende a esperanza, mellor que dende a resistencia. Resistencia houbo, abofé, e no traballo do profesor Monteagudo seguimos cada paso, dende os primeiros pronunciamentos e disposicións contra o idioma a partir do levantamento do fascismo en 1936, ata conquistas históricas como a recuperación para o galeguismo da Real Academia Galega logo da desfeita da guerra, os debates arredor do modelo de lingua, as primeiras publicacións, a figura de Ramón Otero Pedrayo como símbolo da dignidade, o papel dos emigrados e exiliados en América, a primeira cátedra de lingüística e literatura galega en 1972 (Ricardo Carballo Calero), a creación do Instituto da Lingua Galega un ano antes, a significación da editorial Galaxia (1950) en todo este proceso, moi fundamentalmente a personalidade de Ramón Piñeiro, auténtico cerebro das actuacións.

Acordei titular dende a esperanza porque, despois de ler as case 800 páxinas do documentadísimo traballo, hai unha conclusión que non podemos ignorar: malia o castigo e o tóxico que durante catro décadas a ditadura inxectou nas nosas consciencias (no nosos pais e nos nosos avós, no conxunto da xente do común) non só a lingua segue viva senón que reacciona, é quen de crear novos produtos, novas formas de expresión, desafíos que presentan os novos tempos (a globalización, os hábitos de consumo, as tecnoloxías masivas da comunicación, a transmisión xeracional, a demografía). A semente que en tempos tan difíciles uns poucos traballaron, con intelixencia, mais cunha extraordinaria xenerosidade e fe no futuro, deu froitos en todos os que viñemos despois. O que agora somos é o resultado daquel esforzo, e está ben que o tempo vaia poñendo as cousas no seu sitio.

As cousas que non se contan non existen, xa non digamos se se contan mal ou con intencións avesas. A estratexia foi resistir, mais tamén poñer as bases do futuro. Unha lección para deseñar a esperanza.