Nas festas de Nadal visitei a uns amigos nun pobo da serra de Madrid e durante a conversa, sobre temas inevitábeis como a pandemia ou o cambio climático, a señora da casa, muller boísima e candorosa, comentou alegremente: «¿Qué podemos esperar de un Gobierno que tiene de ministra a una cajera de supermercado?». A filla preguntoulle se falaba de Irene Montero, ministra de Igualdade, e como asentiu explicoulle que a ministra é licenciada en Psicoloxía e, se algunha vez foi caixeira de supermercado, a experiencia pódelle ser útil porque a axudará a coñecer o mundo do traballo e o que costa gañar un salario. A conversa rematou coa opinión compartida do doado que resulta desacreditar a alguén con mentiras que, como dixera Goebbels, repetidas mil veces percibímolas como verdades.
O que non sabiamos é que ese mesmo día, 4 de xaneiro, o deputado Pablo Cambronero, do grupo mixto, rexistraba unha pregunta no Congreso sobre o incremento de patrimonio de Irene Montero, que en 2016 era de 6.823 euros e hoxe é de 629.969. E isto non é mentira, que son datos do BOE. En números redondos, a ministra de Igualdade multiplicou por cen os bens patrimoniais en cinco anos. Soa escandaloso. Tanto, que releo os datos e a voz de Raphael martirízame a orella: «¡Escándalo, es un escándalo!». Como é posible —pregúntome— que mentres os pobres en España son cada día máis pobres e a clase media ve diminuír os aforros, esta muller obteña, aquí na terra, o cento por un, que so os máis afortunados acadarán no ceo? Négome a cuestionar a honradez da ministra e sigo dando voltas ao miolo: será que volve aquela España de finais dos anos oitenta e primeiros noventa cos socialistas no Goberno e Carlos Solchaga no temón da Economía, proclamando, fachendoso, que «España é o mellor país do mundo para facerse rico en menos tempo?». Volvería «a economía do pelotazo» e so Irene Montero se decatou? Nese caso, a ministra de Igualdade, para selo de verdade, debe aprendernos o truco. Con 20 millóns de familias montadas no euro, España será, sen dúbida, o mellor país do mundo.
Un muxido de Raphael, como de boi de macrogranxa, vólveme á realidade e deixo de soñar; así que collo lapis e papel, boto contas e asinto: si, é un escándalo, porque escandaloso é o que cobran os políticos; pero coido que a ministra non terá problemas para demostrar a licitude do incremento do seu patrimonio. Poderá sentir certo pudor ao recordar o que gañaba como caixeira de supermercado, pero non terá que escudarse en premios da lotería nacional, recurso de tantos narcos e políticos cesantes.
É o que penso, pero podo estar errado. En calquera caso, Pedro Sánchez fará ben en non permitir a máis mínima sospeita de corrupción no Goberno e Irene Montero deberá facerlle as contas na man ao deputado Cambronero e dalas a coñecer á cidadanía, aínda que escandalice ao seu electorado. O do PSOE —polo menos os vellos militantes e simpatizantes que coñezo—, pode aturalo todo, agás máis fedor de corrupción. O cabreo coa promoción social de vivendas a baixo prezo desde a UGT, que deixou sen aforros e sen vivenda a centos de traballadores, en 1993; o noxo polo caso Roldán, no 1994, e o abraio ante os recentes ERE de Andalucía, fíxoos radicalmente intolerantes e esixen máximo rigor no control aos cargos do partido. Como ao rei emérito, vamos.