O galego de Asturias: esclarecementos

Henrique Monteagudo MEMBRO DA REAL ACADEMIA GALEGA

OPINIÓN

JOSÉ IGNACIO MARTÍNEZ

22 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A recente publicación do informe da Real Academia Galega sobre o galego de Asturias provocou unha grande revoeira. Iso non é malo se serve para botar luz sobre un asunto ata agora ignorado, mais tampouco é bo se acaba primando a confusión. Imos tentar esclarecer tres aspectos da cuestión: identidade, denominación e recoñecemento legal. Entre a fronteira de Galicia con Asturias e o río Navia esténdese un territorio onde se fala unha variedade orixinaria de alí mesmo, documentada por escrito desde o século XIII. É un territorio pequeno (entre Ribadeo e Navia hai 30 quilómetros de estrada), no que actualmente residen arredor de 35.000 falantes desa variedade. Chamémoslle «galego de Asturias», «galego asturiano» ou «(galego) eonaviego»; tanto ten: non é unha lingua de seu, nin é unha mestura ou «chapurrao», nin unha transición, é unha variedade do galego, moi afín á do nordeste de Lugo. Sábeno ben os falantes dun e doutro lado, de Ribadeo e da Veiga. Esa é a doutrina consolidada na filoloxía desde os tempos de Dámaso Alonso, o seu primeiro estudoso e el mesmo con raíces familiares en Ribadeo e nos Oscos.

A Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) non pode ignorar isto, pois nos seus estatutos referíase ata hai pouco a unha «variante» que denominaba gallego-asturiano, sobre a cal inicialmente, con toda a lóxica, se abstivo de dar normas. O ámbito das academias defínese pola comunidade dos seus falantes e por lindeiros lingüísticos, non por fronteiras administrativas, pois en moitos casos estas non coinciden con aqueles. Agora, na recente reforma dos seus estatutos (2021), a ALLA arrógase competencia normativa sobre unha lingua inventada que chama eonaviego, borrando calquera rastro de filiación co galego. Cando xorde o debate sobre o recoñecemento das linguas de Asturias no seu Estatuto de Autonomía, que a RAG apoia afervoadamente, é o momento xusto para deixar clara esta cuestión. A fórmula política e legal máis axeitada para resolvela correspóndelle integramente ao pobo asturiano. Pero a RAG non pode obviar os seus deberes respecto da lingua e de quen a falan.

Non cómpre inventar a pólvora, abundan os bos exemplos. Un catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Oviedo propuxo declarar o asturiano lingua propia e cooficial do Principado e o galego-asturiano lingua propia do territorio eonaviego e cooficial da comunidade, e recoñecer o dereito de todos os cidadáns do Principado a utilizalos e coñecelos. Non fai falla impor o galego en Llanes ou Xixón, disparate que ninguén fantasiou, para consagrar legalmente a igualdade de todos os asturianos, falen castelán, asturiano ou galego eonaviego. Afirmar a filiación galega dos falares do Eo-Navia non significa cuestionar a identidade asturiana dos seus falantes. Recoñecer os dereitos duns debe conseguirse sen descoñecer os dos outros. Linguas, identidades, dereitos, fronteiras: asuntos complexos, a tratar con acougo, sentidiño e coñecemento.