A RAG insiste en pedir a oficialidade do galego en Asturias: «É algo moi razoado»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O escritor Víctor F. Freixanes (Pontevedra, 1951).
O escritor Víctor F. Freixanes (Pontevedra, 1951). Marcos Míguez

«Temos a obriga de defender a lingua onde haxa falantes», subliña Freixanes

19 ene 2022 . Actualizado a las 21:24 h.

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, mostrou o seu compromiso de defender a proposta da institución que pide a declaración de oficialidade do galego no Estatuto de Autonomía do Principado de Asturias. Explicou que esa decisión está baseada nun estudo «moi documentado» sobre os falantes na comunidade. En resposta á polémica xerada sobre a suposta idea de obrigar a falar galego aos habitantes de Asturias, Freixanes ironizou: «Como imos impoñer o galego en Mieres? Esta é unha institución seria». «Non nos imos meter alí a ocupar nada. Temos que facer algo importante e é simplemente advertir que o galego alí existe, ante a reforma do Estatuto de Asturias», insistiu despois de que Asturias rexeitara a súa demanda. Neste sentido, convidou a revisar o documento elaborado pola Academia, que está «moi documentado e moi razoado», antes de opinar «sen ler» e aplicar «prexuízos».

«Nós temos a obrigación de defender a lingua alí onde haxa falantes, moitos ou poucos», subliñou o presidente da institución. Apuntou que a existencia do galego entre os ríos Eo e Navia «non é un invento da RAG nin dos galeguistas». Nese sentido citou o tuit publicado por un catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Oviedo, Miguel Presno Linera, no que propón a redacción dun artigo para o estatuto con dúas partes. A primeira sería: «El asturiano es la lengua propia del Principado de Asturias y, junto con el castellano, es lengua oficial de la Comunidad Autónoma, de conformidad con lo que se establezca en las leyes de normalización lingüística». O segundo: «El gallego-asturiano es la lengua propia del territorio comprendido entre los ríos Eo y Navia y es también lengua oficial de la Comunidad Autónoma, de conformidad con lo que se establezca en las leyes de normalización lingüística».

Foi a semana pasada cando a RAG fixo pública a súa postura na que reclamaba «o mesmo trato para as dúas linguas propias de Asturias, o galego e o asturiano». Ademais, criticaba a escolla do glotónimo eo-naviego en lugar de galego. A Academia considera que iso «parece ter como finalidade facer invisible a existencia do galego nas comarcas asturianas estremeiras con Galicia».

Nun comunicado esixía a «declaración de oficialidade das dúas linguas propias de Asturias, o galego e o asturiano. E que na posterior lei de uso que se prevé, o galego, na variante eo-naviega, sexa oficial en todo o territorio do Principado de Asturias, para que os seus falantes teñan os mesmos dereitos que os do asturiano, como en Cataluña os teñen os falantes da lingua occitana, denominada aranés en Arán», expresa no seu comunicado. En Asturias o rexeitamento foi total.

Libro de Henrique Monteagudo

O académico da RAG Henrique Monteagudo recolle en O idioma galego baixo o franquismo a evolución da lingua durante a ditadura. Continuador da Historia social da lingua galega (1999), este volume pon de relevo a idea de que as dinámicas de substitución do galego «foron potenciadas pola ditadura franquista, cuns resultados desastrosos».