Transición nuclear

Jorge Mira Pérez
jorge mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

16 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A orixe da enerxía que produce a electricidade consumida en España provén dunhas fontes que se poden clasificar en tres grupos: as renovables (das que sacamos algo menos da metade); a queima de combustibles fósiles (que aportan algo máis da cuarta parte) e as nucleares (a cuarta parte restante). Isto non quere dicir que a potencia instalada de cada unha delas teña a mesma proporción: por moi potente que sexa un muíño de vento, se non hai vento non sae nada. A porcentaxe de renovables flutúa moito e, cando baixa, o oco debe ser cuberto polas outras dúas. As nucleares teñen as súas eivas e a queima de combustibles crea un importante problema medioambiental, pero agora súmaselle a suba do prezo do gas, que deixa patente a fraxilidade da economía dos que dependemos dos recursos doutros países. É obvio que hai que aumentar a instalación de renovables, pero... ¿Como se resolve a súa variabilidade? ¿E que facemos a curto prazo? Coa subida do prezo da luz estase vendo que os alegres anuncios de adianto de peche de centrais nucleares non eran realistas: non pode haber transición de modelo enerxético con ese corte brusco. É máis, varios países están volvendo ás nucleares, aducindo que non polucionan a atmosfera e teñen un réxime de produción estable. China está ensaiando unhas novas baseadas en torio, que serán máis seguras, baratas e xerarán moitos menos residuos radioactivos que as actuais de uranio. No futuro non usaremos combustibles fósiles, pero seguiremos tendo algo de nucleares para tapar os ocos.