Non fun unha nena de aldea, nacín e vivín nunha vila, a medio camiño entre o agro e a urbe, á que marchei a estudar e na que agora recunquei, despois de andar da cima a abaixo.
Non fun nena de aldea mais sinto que as miñas raíces proceden, profundamente, dela. Pasei alí os veráns da miña infancia, así como moitísimas horas ao longo do toda a miña vida.
Do lugar son os meus primeiros pasos, por iso busco alí os futuros cando me sinto perdida.
Os pasos, o camiñar, era a maneira que tiñamos de nos comunicar e de avanzar. Tamén para as palabras. Mentres percorriamos o camiño á praia, falabamos. Así non sentiamos o peso de todos os «froios» que levabamos para botar a tarde no areal. Mentres limpabamos o peixe, na eira se a xornada se dera ben, tamén comentabamos. Alí vin por primeira vez como se cosía nas redes, toda unha arte. Agora, as redes que usamos para comunicármonos son outras. Facilitan o contacto, si, mais tamén o ataque desapiadado, amparados nun anonimato que dá carta branca a demasiadas actitudes. Antes non quedaba outra que mirarse aos ollos. Era difícil agochar a mirada.
Hoxe, precisamente as redes sociais, fixéronme lembrar que os pasos tamén eran os que medían o ritmo das conversas telefónicas.
Non había teléfono nas casas. Só un, na de Fraga, así que tiñamos que subir a costa e pedirlle a Elvira que puxera o contador a funcionar. Tantos pasos, tantos pesos.
Quizais tamén era unha maneira de medir as palabras.
Non viría mal volver aos pasos, a aqueles pasos.