Sanidade con mala saúde

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

J. M. CASAL

11 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pensabamos que tiñamos unha sanidade modélica e agora estamos a descubrir todos os seus problemas. As crises sempre son reveladoras, unha crise sanitaria revela as eivas do sistema sanitario. Certo que a crise é grave, inesperada, longa, pero iso non quita veracidade á afirmación. Historicamente as guerras eran crises para as que os exércitos estaban preparados, os perdedores foron sempre os que tiñan máis eivas na súa organización político-militar. Sen ser nada experto, son usuario (que non cliente) do sistema de saúde e teño un observatorio que se completa como acompañante familiar por riba (idosos) e por baixo (mocidade). Como cidadán teño dereitos, algunhas ideas e procuro escoitar a quen sabe.

A nosa sanidade non parece ter problemas de infraestruturas, edificios nin equipamentos, ata o último concello ten un punto de atención, a sofisticación tecnolóxica dos nosos servizos médicos é coñecida e moi publicitada. Os meus fillos foron nacendo nun tempo de natalidade á baixa, no que as prestacións dos ecógrafos ía aumentando en relación inversa ao número de nacementos. Tamén o número de probas para amortizar uns equipos que pasaron a requerir persoal médico especificamente formado. As enfermidades raras empezaron a deixar de selo.

O estado de benestar funcionaba na atención á saúde. Non había dúbida. Á vez que desfrutabamos esa bonanza pasaban algunhas cousas que parecen saltar á vista con esta emerxencia. Todos os actores falan de dous problemas para explicar os fallos actuais na atención sanitaria: faltan recursos humanos formados (médicas, enfermeiros, auxiliares) e o financiamento capaz de soster o sistema. Os dous asuntos crúzanse.

As universidades pecharon a billa da formación establecendo numerus clausus nas titulacións sanitarias co argumento de formar mellor e frear o exceso de profesionais no mercado laboral. No mundo universitario escoitamos moitas veces o argumento de que non eran necesarios tantos médicos. En Galicia fíxose un gran esforzo desde 1990 para non abrir outra facultade de Medicina. O certo é que a masificación das aulas entre 1970 e 1979 (cando se estableceu o límite de entrada) non impediu formar promocións de brillantes profesionais nunha universidade na que as folgas abundaban máis que os medios. Hoxe que faltan pediatras, radiólogos, médicas de familia e enfermeiras, deberamos repensar inercias.

A falta de financiamento que afecta ao sistema de saúde está vinculada ás políticas de redución do sector público, o gasto público e os funcionarios públicos. Políticas que á vez promocionan unha oferta privada que foi medrando, é un dato obxectivo, nos últimos tempos. Moitos afiliados da sanidade pública, para evitar os atascos, botamos man da asistencia privada para atender aos maiores ou para doenzas menores que non podían esperar. O problema do financiamento crúzase co anterior, porque a falta de médicas e enfermeiros tamén se debe a que fóra de España teñen mellores condicións laborais. Volvemos aos tempos dos avós.