Populismo de PCR

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

MICHELE TANTUSSI

04 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os tempos de hoxe non son os de antes. A xestión política do andazo vén sendo expresión moi clara desas mudanzas. A escala global, un deses cambios ten que ver coa velocidade e cantidade de información que se coñece e se procesa publicamente. Outro coa xestión económica do coñecemento como poder, que é algo distinto do poder do coñecemento. Escribiuse moito nestes dous últimos anos da gripe do 1918, lembrando semellanzas coa actual pandemia, as imaxes da xente con máscara, a xestión sanitaria, as ocultacións, as sucesivas ondas. Soubemos que o maior número de mortes pola gripe deuse en 1919 en Asia, especialmente na India. Daquela moitos aspectos pasaron desapercibidos, a información era máis lenta e quedaba nas elites. O que pasou daquela sabémolo hoxe moito mellor que entón.

O mundo do presente é aparentemente diferente do de hai cen anos, pola velocidade de circulación da información e a democratización do coñecemento, pero, como daquela, contentar á maioría é parte da forma contemporánea de facer política. Ten que ver coa democracia que vén desenvolvéndose dende o século XVIII en América e dende comezos do XX en Europa. Ten que ver co papel e a participación de toda a sociedade (pobo, masas, cidadáns) na xestión política dos asuntos públicos xerais. Tamén tivo que ver coa reacción antidemocrática que, pola vía totalitaria desencadeada precisamente hai cen anos, intentou encadrar ás masas. Nun amplo abano ideolóxico, demócratas liberais e demócratas socialistas construíron as democracias que hoxe temos, redefinidas hai exactamente trinta anos coa caída da URSS.

Asociados ás lóxicas democráticas estiveron os populismos que mudaron de sentido e de lugar no agro norteamericano ou nas urbes latinoamericanas ao longo do tempo. Hoxe populismo converteuse en insulto. De feito en Europa a palabra foi sempre usada como un alcume pexorativo pola esquerda e a dereita. Pero, mal que ben, está asociada á democracia e á necesidade de atender e integrar dende o poder pobo, masas ou cidadáns.

Estámolo vendo estes días a conto da xestión da pandemia. Gobernos e oposicións xóganse o seu futuro na mellor ou peor xestión da emerxencia e na crítica ou apoio á mesma. A lóxica dalgunhas medidas parecen ir en liña populista, intentando adaptarse o mellor posible aos corpos electorais. Moreno Bonilla despedindo o ano na barra dun bar, o carrusel de Ayuso completo, o rigorismo vasco ou catalán cos peches da hostalería. A navegación de Sánchez ou a extensión de PCR masivos e gratuítos en Galicia. A atención sanitaria primaria seguía estreitando estes días o seu funil, mentres nas entradas dos hospitais engarrafaban ringleiras de autos con cidadáns procurando analíticas para saber se podían cear coas súas familias ou ir de festa cos amigos. Desexos populares nesta época do ano. As cifras de doentes a día 1: case 46.000 casos, 283 hospitalizados, 50 en ucis; comparadas coas de hai un ano: menos de 6.000 casos, 290 hospitalizados e 55 en ucis, permiten valorar as diferencias e as inercias.

Como sempre, a realidade está por desvendar.