E nós, que ofrecemos

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

HANDOUT

04 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda non comezara o 2022 e estabamos a pedirlle que se portase ben, que mellorase ao defunto 2021, pois non era unha tarefa difícil. Non é ningunha novidade. Adoitamos pedirlle sempre aos anos que se porten ben con nós. E é lícito. Pero nós... que lle ofrecemos? Para pedir, deberiamos dar tamén a cambio. Así que non demoremos as nosas responsabilidades. Comportémonos. Non só podemos estar dispostos a recibir, tamén debemos dar.

Preparémonos, pois, para encher os días de calma, de empatía, de cordialidade. Non estaría nada mal unha boa dose de coherencia e moita integridade. Comezar o ano sabendo de casos de abuso sexual de grandes directivos, empresarios e xente influínte... estraga calquera obxectivo. Hai moito que amañar.

Xa postos, aprendamos a mirar á xente por como é, non pola posición social, forma de vestir, cartos ou poder que teña. Non podemos deixar que a frivolidade nos domine ata tal punto. E xa que estamos cos propósitos a renovar, non estaría nada mal darlle unha volta aos valores polos que nos movemos.