Proteínas, fito do 2021

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

GOBIERNO DE ARAGÓN

02 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As proteínas son enormes moléculas que están feitas en base a 20 tipos de bloques de átomos que teñen unhas certas características (aminoácidos). As proteínas vanse ensamblando no noso corpo en base ás instrucións que dita o código xenético. Son os ladrillos fundamentais cos que se fabrica un ser vivo. O funcionamento destes ladrillos (que acaban definindo o funcionamento do corpo) vén marcado pola súa forma tridimensional, pero coñecer esa estrutura é moi difícil: a primeira vez que se obtivo unha (da familia da hemoglobina) foi en 1957 e os descubridores levaron o Premio Nobel en 1962. Pouco despois comprendeuse que esa estrutura é fisicamente estable e, polo tanto, cabía soñar con predicila en base a cálculos. Pero o tamaño das proteínas é tan inmenso que a tarefa parecía imposible... ata o 2020, no que un sistema de intelixencia artificial desenvolvido por unha filial de Google abriu a porta á solución, que no ano 2021 se acabou de consolidar. Este fito vén de ser considerado como o descubrimento do ano para a revista científica Science (xa no 2020 esta liña de traballo fora considerada das máis impactantes, aínda que quedara eclipsada polas investigacións sobre o covid).

Este adianto non resulta atractivo para encher titulares de prensa, pero é tan espectacular que abre una nova era: no momento no que se comprende a estrutura dunha proteína, pódese actuar mellor sobre ela e, no caso de que estea involucrada nunha enfermidade, deseñar o fármaco correcto para dar na diana e corrixir o problema.