Non están tolos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Ana Garcia

21 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu non sabía que Verónica Forqué estivera en MasterChef. Parece incrible, verdade? Pois así é. Ás veces a vida lévanos por camiños diferentes que, por unhas ou outras cuestións, nos manteñen afastados de certos aspectos que parecen comúns e habituais para todos.

É absurdo pensar que todos somos iguais e debemos movernos ao mesmo son.

Cando non era máis ca unha nena, non me gustaba que me preguntasen polos meus gustos musicais. Sabía que, se contaba a verdade, a reacción sería unha risa, no mellor dos casos, cando non unha burla.

E así con outras cousas, claro!

Quen nos marca o camiño a seguir? Con sermos respectuosos cos demais e non menoscabar a convivencia debera ser suficiente. Pero non, non o é.

Non sei se o paso polo programa axudou ou afundiu máis a Verónica. Non pretendo xulgalo. De feito, gustaríame que non se fixesen xuízos agora. É tempo de respectala e de reflexionar moito: sobre o tratamento nos medios destas doenzas tan difíciles de detectar, ou non, sobre a concepción que temos delas na sociedade, tamén da importancia que os nosos dirixentes lles dan.

E nós. Nós que pensamos? Que facemos? Como nos comportamos? A que axudamos?

Ás veces teño a sensación de que, cando alguén pide axuda, o habitual é dicir: non pasa nada. E non é así. Si pasa. Vaia se pasa! No interior desas cabezas está a librarse unha batalla.

Se queremos que estean ben, ofrezámoslle axuda. Ás veces pídena.

No fondo, sabémolo: non están tolos. Sofren. Afastarnos só os achega máis ao abismo.