En plena forma

Pedro Puy
Pedro Puy DECOTÍO

OPINIÓN

PARLAMENTO DE GALICIA

19 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tal día como hoxe, o 19 de decembro de 1981, constituíuse o primeiro Parlamento democrático da historia de Galicia. Corenta anos nos que a nosa primeira institución cumpriu todas as obrigas e funcións que lle atribúe o Estatuto. Ten garantido a estabilidade e o control dos sucesivos gobernos, conformando maiorías de todo signo ideolóxico, tanto directamente tras eleccións como a través da moción de censura. Ten desenvolvido normativamente o ámbito competencial con 439 leis, varias delas xurdidas da iniciativa lexislativa popular. Ten aprobado os seus orzamentos anualmente, a diferenza do que ocorre noutras cámaras lexislativas. E nunca ten fallado, como moito retrasado, a súa cita coa renovación das persoas que ocupan os cargos institucionais de extracción parlamentaria.

E corenta anos despois segue a cumprir con todas elas. A Xunta afronta a máis excepcional crise sanitaria e económica que viviu Galicia no último século coa tranquilidade que lle dá a ampla e estable maioría parlamentaria que o apoia (e o rigor que posibilita unha administración propia altamente profesionalizada). Coas 17 leis xa aprobadas nesta lexislatura, que serán 19 o próximo martes coa aprobación, unha vez máis en prazo, das de Orzamentos para 2022. A oposición ten plena capacidade de control e impulso das accións do Executivo, como demostra o feito de que tres de cada catro iniciativas debatidas en pleno son expostas por ela; ou o dato de que no que vai de lexislatura, de media, dous membros do Goberno son fiscalizados ao día, todos os días no Hórreo, en pleno ou comisión. Os debates, en contra do que ás veces parece darse a entender, acadan significativos niveis de acordo: o 42 % das iniciativas de impulso ao Goberno en pleno, e o 66 % en comisión, son aprobadas por unanimidade. Unha Cámara permanentemente aberta á participación cidadá, a través de leis, preguntas ou proposicións de iniciativa popular.

Corenta anos son dignos de celebración. Pero non pola nostalxia do moito feito. Senón porque o primeiro Parlamento democrático da historia de Galicia fai catro décadas en plena forma, exercendo todas as súas funcións. Sen balbordos, como os que se produciron tras a aprobación da primeira das leis autonómicas, á da sede das institucións. Sen barulladas, como as que nos chegan doutros parlamentos, e que levaron hai uns días ao mellor cronista parlamentario da prensa da capital, o galego Xosé Hermida, a dar un bo antídoto para os nostálxicos de que calquera tempo parlamentario pasado foi mellor: lembrando ao Josep Pla que botaba de menos os discursos de Maura, Canalejas ou Cambó… nunha Cámara, a constituínte da República, da que formaban parte Ortega, Unamuno, Azaña ou Marañón. E é que, ao igual que o Congreso, o noso Parlamento cumpre exemplarmente, e como non podería ser doutra maneira, co primeiro dos seus deberes: o de representar democrática e fielmente o ser e o sentir do pobo que o elixiu. O que é merecente de conmemoración.