Alta velocidad, luces e sombras

Manuel Monge SOCIOLÓGO, AUTOR DO LIBRO «PERDEMOS O TREN. AS CLAVES POLÍTICAS DO ATRASO»

OPINIÓN

VÍTOR MEJUTO

19 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O 21 de decembro entrará en funcionamento o tren de alta velocidade (TAV) que enlazará Galiza con Madrid: 2 horas 15 minutos desde Ourense; 3 horas e 20 minutos desde Santiago; 3 horas e 51 minutos desde A Coruña; 4 horas e 16 minutos desde Vigo. Creo que é unha boa noticia, que será celebrada pola gran maioría e máis cando, antes do verán, haxa outra redución de 20 minutos.

Recuperemos a memoria para lembrar as raíces deste atraso porque o TAV xa chegaba a Sevilla desde Madrid hai 30 anos. «Perdemos o tren», como titulaba un artigo nestas páxinas o 15 de agosto de 1999, porque en marzo de 1993 o Goberno do PSOE aprobaba o Plan Director de Infraestruturas cun investimento de 18 billóns de pesetas até 2007, que non contemplaba a alta velocidade para Galiza e a liña A Coruña-Vigo nin sequera tería dobre vía.

Os titulares de La Voz de Galicia durante os últimos anos son a mellor proba da discriminación que sufriu o noso país. As nosas reclamacións non foron atendidas por decisións políticas e isto non é unha opinión, senón unha evidencia, como titulaba La Voz de Galicia: «El Congreso rechaza una iniciativa para la modernización del tren en Galicia. Había sido aprobada por unanimidad en el Parlamento Autonómico» (18-9-1996). Quedabamos marxinados: «Galicia queda fuera de los proyectos del Gobierno para el tren de alta velocidad» (11-11-1998). Continuadas promesas incumpridas: «La Xunta fija el 2010 como meta para la conexión por AVE con la Meseta» (27-4-2002). «Fomento ratifica que el AVE Atlántico circulará entre Ferrol y Vigo en el 2007» (1-4-2003). Todo isto co Goberno do PP de Aznar.

Non cambiaron as cousas co Goberno do PSOE de Zapatero. «Touriño dice que Fomento tendrá listo el AVE con Madrid en el año 2009» (22-7-2004). «El AVE de Galicia solo tiene en obras 56 de los mil kilómetros de vías previstos» (19-9-2004). «El BNG retira su apoyo a los presupuestos del PSOE por su cicatería con Galicia» (22-10-2004). «El AVE hacia la Meseta recibió en cinco años 2 de los 1.608 millones que cuesta» (12-10-2005). «Touriño fija el 2012 como nueva fecha de entrada del AVE en Galicia» (16-2-2007). Abel Caballero anunciaba na campaña electoral de 2007, como candidato á alcaldía de Vigo, que en 2008 se iniciarían as obras do TAV entre Ourense e Vigo por Cerdedo e que estarían acabadas en 2012. «Fomento no gastó 1.600 millones que asignó a Galicia desde el 2000» (25-9-2008).

Secuestraron información por intereses políticos e electorais, convertendo todo este proceso nunha auténtica farsa, cunha falta total de respecto á xente. Na campaña electoral das eleccións ao Parlamento Galego de 1 de marzo de 2009, os dirixentes do PSOE (Zapatero, Touriño, Magdalena Álvarez…) prometían o AVE para 2012, pero un mes despois das eleccións o novo ministro de Fomento, Xosé Blanco, confesaba a verdade, como publicaba La Voz de Galicia: «El gobierno reconoce que desde hace años sabía que el AVE no llegaría en el 2012» (27-5-2009). E máis promesas incumpridas co chamado Pacto do Obradoiro: «Feijoo y Blanco pactan que el AVE llegue a finales de 2015» (25-6-2009). Pero a pesar deses pactos PP-PSOE, baixaban os investimentos: «El BNG presenta una enmienda a la totalidad a las cuentas, que bajan las inversiones en Galicia por primera vez en diez años» (17-10-2009). Outros proxectos tiveron máis apoio: «Fomento lanza un corredor Mediterráneo cuatro veces más caro que el AVE gallego. La inversión total hasta el 2020 rondará los 51.300 millones, frente a los 12.500 que se gastarán en acceso a Galicia» (17-3-2011). Co Goberno de Mariano Rajoy non melloraron as cousas e, como en Madrid había un goberno amigo, non había que presionar: «Feijoo se conforma con el AVE en el 2018» (24-1-2012).

Algunhas conclusións: conseguir un tren para o século XXI non é só a alta velocidade. Hai que investir para que o tren poida ser usado pola maioría da poboación, comunicando as cidades e vilas do país. Non podemos asumir que o tren da Coruña a Ferrol tarde unha hora e 15 minutos ou da Coruña a Lugo unha hora e 50 minutos. Necesitamos un ente ferroviario galego que xestione os trens de proximidades, que non existe por decisións políticas dos gobernos de España.