A lei do silencio

OPINIÓN

Rafael Bastante | Europa Press

26 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei se a Lei de Memoria Democrática poderá canear a Lei de Amnistía do ano 1977 invocando o dereito internacional para xulgar os crimes do franquismo. Teño as miñas dúbidas porque xa non deben de quedar vivos moitos criminais. Como moito abrirase a porta a unha compensación moral e talvez económica a vítimas que tamén están mortas. A memoria da Guerra Civil é un lugar de silencio froito do terror e o medo que o franquismo soubo instalar nunha sociedade que segue a lles negar homenaxe e recoñecemento ás vítimas. Ese silencio, coa escusa de recuperar as liberdades, prologouse nos pactos da Transición e rematou por se converter en esquecemento até o punto de que mesmo hoxe hai a tentación de reescribir constantemente a historia por parte de sectores conservadores, moitos deles descendentes dos que asinaron moitas das sentencias de morte que nos repiten até o fastío que nas dúas Españas se ergueron as maiores atrocidades, entre outras cousas para non teren que admitir de vez que os rebeldes implantaron un réxime totalitario cun sistema de represión bárbaro, un Estado fascista cunha ditadura militar implacable. Non hai dúbida de que na Transición as máis das vítimas desa represión se sentiron traizoadas porque agardaban que se fixese xustiza. E non se fixo nin tan sequera coa Lei da Memoria Histórica de 2007, que chegou con boas intencións e ergueu debates ideolóxicos e algunha que outra restauración. Seguimos sendo incapaces de aceptar con naturalidade o pasado e, aínda que a desexo, non teño moita esperanza con esta nova lei porque sospeito que axiña nos dirán que lembrar a traxedia da guerra é enfrontar os uns contra os outros, e volverá o silencio e o medo que nos fará virar a cabeza para ofender, unha outra vez, a memoria das vítimas.