Fóra as tesoiras das nosas pensións!

Amelia Pérez SECRETARIA XERAL DE CC.OO. DE GALICIA

OPINIÓN

H.Bilbao

22 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O acordo a que chegamos os sindicatos co Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para concretar o mecanismo de equidade interxeracional (MEI) desactiva de vez a reforma imposta polo PP no ano 2013, que condenaba as pensións futuras a un recorte sen remedio. Durante toda esta longa e difícil negociación, CC.OO. puxo o acento en que o MEI non podía basearse en recortar as pensións, senón en mellorar a estrutura de ingresos da Seguridade Social.

Velaí a nosa principal liña vermella nas negociacións. Conseguirmos que así fose finalmente é un éxito do que nos congratulamos como sociedade porque dá certeza e garantías para as pensións futuras. Lamentablemente, a patronal, de xeito insolidario, desmarcouse do pacto. Por certo, unha patronal que, como dixo o ministro, non presentou ningunha proposta alternativa. Deberiamos afacernos a traballar de xeito proactivo e construtivo, e, se algo non nos vale, termos sempre alternativas: o non polo non é un método de traballo que rexeitamos en CC.OO.

O mecanismo de equidade é unha cotización adicional do 0,6 % durante os próximos dez anos; eses recursos extra destinaríanse a recompoñer o fondo de reserva da Seguridade Social, baleirado polo Goberno de Rajoy na anterior crise económica. O MEI substitúe o factor de sostibilidade do 2013 e, como novidade, prevese que a súa duración sexa limitada no tempo —dez anos—, cunha revisión no 2033.

Isto permite repartir de xeito equilibrado entre xeracións o necesario esforzo para alicerzar o sistema público de pensións, evitando recortes na pensión inicial (especialmente para a mocidade), que é ao que nos abocaba o factor de sostibilidade. Ao tempo, supón un compromiso do Goberno do Estado (ratificado no diálogo social) cun sistema público de pensións, que é a mellor garantía para as prestacións futuras.

Este compromiso tamén é unha emenda á totalidade do acontecido no nefasto período de Mariano Rajoy e do seu ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, que baleiraron a caixa das pensións para asumir gastos que non eran os propios da Seguridade Social, intentando facer ver que o sistema público era inviable e fomentando os plans de pensións privados. Co acordo que acadamos o pasado mes de xullo demos o primeiro paso para desmontar ese atropelo, que con este segundo pacto desmontamos xa de vez.

Grazas á firmeza de CC.OO. nestas negociacións, os traballadores que se xubilen nos próximos anos poden, por fin, respirar tranquilos porque guindamos as tesoiras ben lonxe das pensións públicas.