Cousas que lle pasan ao galego

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

16 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na entrega dos XLIV premios da Crítica de Galicia, unha das mellores festas anuais da cultura galega e en galego, de súpeto subiu un señor, seica deputado provincial, botarnos unha arenga en castelán. Nin entendín ben quen era nin me interesa ren. O señoriño non reaccionou nin cos berros de «en galego...» que botaron algúns asistentes evocando tempos pre-autonómicos. Veume á cabeza o Castelao da biografía de M. A. Seixas que viña de ser premiado, o rianxeiro que nos ensinou a distinguir a chuvia dos mexos. Como ese día en Vigo chover non chovía, en uso da miña liberdade erguinme e saín ao escusado. Ao volver deume tempo aínda de escoitar a retranca elegante de Iolanda Castaño, profesional mantedora do acto, a propósito do que acababa de suceder.

O tal representante da Deputación de Pontevedra tiña cando menos dúas alternativas amables e máis cultas. Declinar falar, se non pode nin sabe corresponder co sentido do acto ou ler un texto escrito por quen puidera e soubera, como mesmo fai ás veces el rei. O feito foi inadecuado, inelegante, molesto e sobre todo falto do mínimo decoro. Por tratarse dun representante político foi tamén xaora un acto político, máis aínda falando o cargo socialista despois do presidente do Parlamento, quen con razón gabouse de que o galego é o único Parlamento do Estado no que todos os deputados e deputadas «falan sempre na lingua nai».

A falta de respecto e de decoro institucional puido ter pois o sentido político de contradicir ao presidente do Parlamento galego e a todos os que o precederan no uso da palabra. E por iso o inelegante xesto merece un comentario e unha interpretación política. Tamén porque o deputado chegou ao final do acto, co tempo xusto de subir ao atril e falarnos en castelán, o que engade á súa acción o desprezo que acompaña á mala educación. Foi molesta e ofensiva esa vara alta feudal, ese trato caciquil de quen fala porque paga. El usou a súa liberdade, nos podemos usar a nosa e os organizadores —quen manda no acto— poderán tomar nota e decisión.

O acto pechouno o alcalde de Vigo, nunha insólita orde de autoridades, porque despois do presidente da Cámara lexislativa, que estaba alí no marco da celebración dos 40 anos da institución, non pode falar máis que o presidente da Xunta, ou el rei, ou un reitor de estar —non era o caso— na súa universidade. O protocolo, como os privilexios, son profundamente políticos e por iso están regulados (BOE 8, agosto, 1983). Mágoa roubar con isto tempo ao importante: a romaría da cultura galega que organizan dende 1977 ese fato de vigueses incansables, ben acompañados agora de seiva moza. Aquilo foi en verdade unha fervenza de novos creadores en todos os campos, que permiten pensar nun futuro galego de cultura. Con eles ao galego pódelle pasar algo importante.