De empanadas e ecoloxía

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR

OPINIÓN

LEE SMITH | Reuters

16 nov 2021 . Actualizado a las 23:20 h.

O outro día díxenlle á miña parella, mentres preparabamos unhas deliciosas luras con arroz: «Ves? Aquí vese que o ser humano é o animal superior da natureza?». «Por que?», preguntou ela. «Porque mentres que o resto dos animais comen, nós condimentamos». Si, iso demostra que somos un ser evolucionado. Porque collemos cebolas e allos e montamos unha obra de arte. Porque agarramos un anaco de solombo (disimulen os veganos) e cunha salsa de anchoas facemos mellor o mundo, máis habitable, máis feliz.

Quizais por iso, mentres facía a dixestión, me fixo pensar tanto un chío en Twitter da vicepresidenta Yolanda Díaz onde dicía que a tarefa máis grande que temos como especie é a de salvar o planeta. Estaba celebrándose o Cumio do Clima, ese que comezou con Biden pedindo perdón por terse saído os Estados Unidos, co anterior e negacionista (e negado) climático Donald Trump. Os líderes mundiais estaban alí reunidos facendo como que de verdade que queremos frear o cambio climático, como que en serio que imos deter isto do desxeo dos glaciares dos polos, que de verdade que si, que imos reducir as emisións, crédenos, tende fe en nós, mirade que fotos máis bonitas podemos facernos acariñando gatiños. Sabemos que non é certo. E que non o é porque hai algo que está por riba da ética, da ecoloxía e do sentido común. Chámase economía liberal, orientada ao máximo rendemento e ao máximo beneficio a calquera —nunca mellor dito— prezo. E igual que non deixamos de vender armas para que se maten no terceiro mundo, igual que non acabamos co tráfico de drogas ou de mulleres, tampouco imos deixar de contaminar o que nos pete se por facer tal cousa ecolóxica e naturalista e progresista e racionalista e moitas cousas máis que acaban en ista se resinte a economía, os beneficios se esnaquizan e as grandes corporacións ven minguar os seus indecentes beneficios.

O ser humano, malia esas marabillas que son, por exemplo, as empanadas con pan de millo (para cando unha estrela Michelin para as avoas que a seguen facendo?), ou a poesía de Whitman, ou unha canción dos Beatles, é, no fondo, un animal ben baixo na escala evolutiva. Probablemente o que está máis baixo de todos eles, por non ser quen de manter a súa casa (ou sexa, a natureza) xa non limpa senón, sen máis, viva. Levamos un lustro escoitando os avisos de que estamos a entrar nun punto de «non retorno» e semella que tanto nos ten. Que arda todo. Que estoupe, como cantaba Aute, o mundo en confeti esta noite. O índice da bolsa conta máis que o mar transparente. Un executivo cocainómano de Wall Street, coma na película, máis que un delfín. E por suposto, as grandes contas correntes máis que a vida dun planeta. Azul. Acuático. Fermoso.