«Todxs»

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Este é un grito no deserto. Non é por min: hai tempo que desconectei das imposicións torpes do politicamente correcto. Non é por min: apago radios e televisións (e non regreso) cando os locutores, moitos en medios públicos, comezan coas súas ladaíñas de amigos e amigas, todos e todas, galegos e galegas, algún e algunha, querida ou querido, etcétera. Cada vez está máis de moda a sandez. O Othar da corrección política, o cabalo de Atila, aniquila e idiotiza: por onde pasa non volve crecer a herba. Pero non é por min este berro. É por un colega mestre. Anda ensinando a ler aos seus alumnos e, de paseo socrático cos discentes, encontra nalgún cartel hipercorrecto o modismo (por dicilo dalgún xeito non ofensivo) todxs. Como ler todxs? Sabemos que o «t» co «o» debe lerse «to». De aí a palabra to-ma-tes, que son os froitos da tomateira que nos cadernos de vello, cando aprendiamos a ler en cartillas, un meu amigo confundiu con mazás: tan coloradas e apetitosas. Pero como ler dxs? Semella unha tarefa imposible de explicar aos alumnos sen cometer erros de gramática parda. Intente vostede, querido lector, pronunciar dxs. Que aceno estremecido entre os labios! Que torsión muscular impropia do ser humano! O meu colega mestre, e insisto na voz colega (que segundo o manual da corrección política talvez tería que converterse en colego) está ao borde da claudicación. E non só por todxs, senón porque en ocasións dedica máis tempo a declinar masculinos e femininos nas súas clases que aos contidos das materias. Díxenlle que a batalla estaba perdida. Cando unha sociedade chega ao grao de anestesia e submisión á que chegou a nosa, só queda gritar. Aínda que sexa no deserto.