Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

O fulgor

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Quique Garcia | Efe

04 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O día que souben que o eximio ministro Alberto Garzón ía prohibir a publicidade de chocolates e larpeiradas e doces e petiscos, botei a chorar. Ía no coche do Paco Mariló. Radio acendida. Non me quedou máis remedio que escoitar a noticia. E chorei. Como unha Magdalena (estarán tamén prohibidos os anuncios de madalenas?). Nin as brincadeiras do Mariló conseguían alegrarme. Coa prohibición, neste país onde tanto se gritaba «liberdade», camiñaron pola miña alma os recordos: leche, cacao, avellanas y azúcar... yo soy aquel negrito, del África tropical, que cultivando cantaba... Limpei as bágoas. E pensei que o anuncio do negrito sería politicamente incorrecto por dobre motivo: por negrito e por non inclusivo, ou sexa, racista e machista. Volvín chorar. Non souben máis de Alberto Garzón, entre outras cousas porque cando vexo o seu rostro na pantalla ou no periódico, apago a pantalla ou paso páxina. Tanto é o seu fulgor que o meu ánimo non pode resistilo. Tamén me pasa con Belarra, as Monteros, Iceta e Sánchez (sobre todo cando saúda a Díaz e Díaz aloumiña o seu rostro). O fulgor cégame. A brillantez extrema. A sabedoría en grao sumo. Faltaba Ada Colau, á que tamén admiro e non me importa confesalo publicamente. Encontreime con ela outra vez no coche do Paco Mariló. Participaba no cumio climático en Glasgow. Pedía recursos para que as cidades puidesen frear este deterioro, esta urxencia. Ao mesmo tempo, a China comunista/capitalista solicitaba aos «países desenvolvidos» máis esforzos para cumprir as metas climáticas. Non souben se rir ou chorar. Mandei ao Mariló que parase o vehículo. Temía que a radio continuase acendida e falase Echenique. Tanto fulgor cégame, dixen.