Galicia profunda

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

30 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dúas palabras que sentimos como picadas de aguillón na nosa alma colectiva enfrontáronnos coa xuíza de Marbella que cualificou a parroquia de Torea, no concello de Muros, de «Galicia profunda». Hai moitos anos, cando os galegos eran aldraxados por calquera dos poderes do Estado, refuxiábanse no humor e razoaban: «Mexan por nós e hai que dicir que chove», ou, máis aparentemente conformistas aínda: «Mentres o pau vai e vén, descansa o lombo». Pero iso é historia, que hoxe temos a dignidade na flor da pel e reaximos todos a unha contra o agravio, e ata o Parlamento galego aprobou, por unanimidade, unha declaración institucional para deixarlle claro á xuíza de Marbella que a expresión «Galicia profunda» é pexorativa e non compre a ningunha vila, parroquia ou aldea galegas. Ademais, o presidente Núñez Feijoo, xa lanzado, publicou en Twitter unha foto súa, de pequeniño, coa avoa Eladia, nos Peares, para proclamar que tamén el foi un neno da Galicia que a xuíza chama «profunda»; e a moita honra.

A min as palabras da xuíza trouxéronme á memoria as afrontas que Galicia e os galegos recibimos de autores españois do Século de Ouro. Galicia era «muladar de España», «rincón del mundo» e por iso «se avergüenza el Santo/ de mostrar que está en Galicia». Os galegos eran borrachos, lingoreteiros, ladróns, desleais e, por se fose pouco, malos católicos; de aí que na fala coloquial aparecesen expresións como: «Ni perro, ni negro, ni mozo gallego», «antes moro que gallego» e «antes puto que gallego». As mulleres describíaas un proverbio: «Moza gallega, nalgas y tetas», e pasaban por porcas e pouco miradas en perderen a virxinidade. Ah! E aos xuíces que se deixaban subornar chamábanos «galicianos», por seren falsos como as mulas galegas, que largaban un par de couces, a traizón, a calquera que se lles achegase.

A xuíza de Marbella non debe de ser moi viaxada e ignora que o presidente Fraga, o conselleiro Cuíña e o crego don Felisindo fixeron unha rede de autoestradas, autovías, estradas e pistas que comunican o país enteiro; e a Galicia profunda, illada e perdida no tempo, que ela imaxina, non existe. E estou certo de que tamén ignora o que calquera adulto dos 319 veciños de Torea saben moi ben sobre falar e calar: «Palabra e pedra solta non teñen volta. As palabras, contadas e pesadas. A mellor palabra é a que queda por dicir». E, finalmente: «Quen fala o que non debe, oe o que non quere».

O bo do caso é que esas dúas palabras ferintes aparecen no remate dos vintecatro folios que compoñen o auto, no que a xuíza explica polo miúdo as razóns que a levaron a conceder a tutela dun neno de trece meses ao pai e non á nai. Léndoo, parece que lle sobra razón; pero, que credibilidade -digo eu- pode ter unha xuíza que fala da Galicia profunda? Ante a repercusión mediática que tivo o seu desatino, a avogada do pai do neno laiouse: «En este país prima más el sensacionalismo que el sentido común». Non lle falta razón. No xornalismo hai un principio básico: «A noticia non é que un can trabe a unha persoa, senón que unha persoa trabe a un can». Por iso buscamos, amañamos ou creamos noticias de persoas que traban a cans; como a da xuíza de Marbella que non concedeu a custodia á nai dun neno por vivir na Galicia profunda. No titular algo de certo había; pero, por un lado xa ven, e polo outro, que queren que lles diga.