Rosalía de Castro era galega

OPINIÓN

cesar cuervo

26 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Disimule quen ler a obviedade, mais até as evidencias clamorosas precisan dunha explicación. A descuberta de documentos atinentes á biografía de Rosalía de Castro e Murguía por parte da investigadora Sagrario Abelleira e da arquiveira Irene Galindo é unha magnífica noticia que vén corroborar unha consistente crítica rosalianista, xa de moitos anos, que, fronte a toda superstición e terxiversación sectaria (como diría Carvalho Calero), se preocupou por estabelecer unhas cantas verdades biográfico-literarias ben comprobábeis na personalidade e obra da escritora e, por suposto, na documentación conservada ou achada (tantas veces, con gran dificultade). Así, Manuel Pérez Grueiro, bibliotecario de Neda, demostrou no seu día que en 1842 dona Teresa de Castro, a súa filla Rosalía e mais Francisca Martínez (madriña) residían en Padrón, información recollida despois por Andrés Pociña-Aurora López e por Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Que tivo unha relación fluída e cordial coa súa familia paterna (a de don Xosé Martínez Vioxo, capelán de Iria Flavia) xa o subliñou Carvalho Calero en 1979 (Estudos rosalianos) e mesmo o reiterou en artigo publicado en La Voz de Galicia o 9 de xuño de 1985 (Rosalía bica a tumba do seu pai), un dos moitos que o ilustre escritor dedicou á fundadora da literatura galega contemporánea.

A monumental obra de Francisco Rodríguez: Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), publicada en 2011, con antecedente na súa tese de doutoramento (a primeira da universidade galega) que ve a luz en 1988, contén un longo capítulo biográfico (o 10º) cuxa lectura recomendo como magnífico prólogo á da súa obra, tanto en verso como en prosa, en galego como en español.

Clásicos do rosalianismo como o citado Carvalho ou Bouza Brei son nomes imprescindíbeis dun nutrido ronsel que conta con estudosas-os que van desde Axeitos a Pilar Pallarés, pasando por Catherine Davies, Kathleen March ou Mª Xesús Lama, só por citar un exiguo número de investigadores e críticos a modo de mínimo exemplo. Que a situación económica da grande escritora foi de auténtica penuria nos derradeiros anos de vida está documentado desde hai tempo por Francisco Rodríguez. Eu mesma ponderei o benéfico papel protector de dona Teresa de Castro para coa súa filla. Todo isto -que coñecen ben X. M. Seixas Seoane e Sagrario Abelleira, os autores da introdución do libro que recolle toda a documentación achada- supón unha emenda á totalidade dunha desfiguración académico-escolar que non ten a menor xustificación hoxe en día.

Hai 50 anos, Pau Casals, na sede da ONU, proclamou: I am a catalan. Rosalía de Castro definiuse galega cabal e pagou por iso. Afortunadamente, descendentes seus sábeno e explícano.