Coas armas non se xoga

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Lucy Nicholson

25 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivimos demasiado rápido, como se sempre houbese algo agardando impacientemente por nós, coma se nunca puidese saborear nin chegar a producirse pouso. 

Mala cousa. Así, todo pasa nun suspiro, sen decatarnos nin gozar. O peor é que todo pode acabar, sen máis, no momento máis inesperado, sen avisar, de súpeto. Somos demasiado fráxiles para vivir con tanta présa. Ás veces, a vida semella un xogo, no que, se saltas unha norma, desapareces, pulverizado. Cruzas un semáforo en vermello? Adeus. Non pos o arnés no traballo? Tamén. Ou... unha arma. O acceso a elas segue parecéndome demasiado descoidado.

Abro o xornal e aparecen seguidas dúas novas. Unha fala do atleta Álex Quiñónez. El e un amigo foron asasinados a tiros nunha das rúas de Guayaquil, Ecuador. O suceso está a ser investigado, mais non parece que resultase difícil aos atacantes acabar coas súas vidas.

Noutra das páxinas fanse eco do tráxico accidente na rodaxe dunha película. O actor Alec Baldwin manexaba unha arma de atrezzo que resultou ser de verdade e estar cargada. Non era a súa intención facer un disparo real, mais sucedeu e... acabou coa vida da directora de fotografía do filme. Por unha neglixencia, ou varias. Pouco coidado se puxo na revisión e preparación do material.

Nos últimos cinco anos, en Río de Janeiro morreron un centenar de nenos, vítimas da violencia social. Un terzo deles recibiron os disparos durante operacións policiais. Demasiada lixeireza no uso de armas para tratarse de implacables segadoras de vidas.