O galego é difícil, non si?

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

21 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A reportaxe da revista YES onde as nais se laiaban das dificultades dos seus fillos para manteren o galego familiar unha vez que se incorporan ó mundo levoume a recordos propios. Tamén a peza de Víctor F. Freixanes rememorando as palabras de don Ramón Otero Pedrayo, «todos somos conversos», nunha súa fala sobre o galego.

Acordo do 91 % de galegos con habilidades na súa lingua fronte a aquel 73 % dos cataláns ou o 32 % dos vascos, que nos permitía esperanzas. Fomos afortunados por teren cedo unha lei de normalización lingüística e un pronto desenvolvemento para introducir o galego no ensino, mesmo coas eivas, erros e retesías. E, nalgún tempo, teren material audiovisual para nenos e series de ficción de sona. Aínda que nunca se lle prestara atención ás novas tecnoloxías. Tamén por contar con «conversos» que axudaron a facelo posible.

Entendo que as análises e as queixas están acertadas. Sei que hai moitos responsábeis desa realidade, mais sobre todo estamos os propios galegos dun en un.

Ben porque algúns chegaran a acreditar nas consignas da Galicia Bilingüe e algúns políticos do PP ou de Ciudadanos sobre da imposición do galego, ben por desleixo para un idioma que, naquel 2009, nunca coñeceran.

A realidade é teimuda e Alonso Montero en 1973 mantiña que por máis que se precisaba da escola, con ela soa non chegaba. E reflexionaba entón sobre os «vellos deuses» dos asalariados (Raphael, Perico Chicote, novelas de vaqueiros ou de Corín Tellado) e as súas influencias sobre o futuro do idioma. Deuses que hoxe están no WhatsApp, as series de Netflix ou HBO, e TikTok ou Instagram. Un dicir.

Porque como evidencian sucesivos estudos da RAG, moitos da man de Henrique Monteagudo e a súa equipa, todos dan conta da fortaleza do bilingüismo para os maiores entre 17 e máis de 90 anos, onde o 45 % teñen o galego coma lingua materna. Fortaleza que se debilita entre aqueles con idades de 4 a 65 anos, onde é o castelán a lingua maioritaria (38 %), fronte ó 34 % do galego e o 28 % de ámbalas dúas. O que pon en evidencia as campañas e análise daquela Galicia Bilingüe e outras organizacións políticas sobre a perda do castelán e a imposición do galego. Tal e como sucede tamén en Cataluña, cun sistema educativo de inmersión en catalán máis rexo que aquel do galego, de acordo a Enquisa de usos lingüísticos 2018. Onde para sorpresa de moitos que cansaron de bourear, só o 36 % teñen o catalán como «lingua de identificación». E só un terzo dos que teñen entre 33 e 47 anos, os primeiros en seren escolarizados en catalán, téñeno como lingua habitual, por máis que o falen e o escriban.

O mesmo sucede co galego e as habilidades para falalo, lelo e escribilo de todos que o deprenderon na escola. Sendo que unha boa parte nin o fala nin o transmite, canto menos escribe ou le. E mesmo o perden os pícaros, se viñan con el da casa, cando descobren o mundo de fóra. Na escola infantil ou na primaria, parques, praias e actividades varias. Onde hoxe nunca haberá a oportunidade para ser un «converso». Mágoa.