A cerna literaria da Redacción

Rodri García SOAREGO

OPINIÓN

GONZALO BARRAL

21 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Felicita a Xesús Fraga polo Premio Nacional de Narrativa». A petición é dunha alumna do máster de La Voz de Galicia alá polo salto de século. Conta que sempre leu «as cousas de cultura que escribe Xesús porque están moi ben feitas. É un premio moi merecido». E lembra: «Faciades o programa Biblioteca Galega». Aquel espazo de Radio Voz naceu para dar voz á Biblioteca Galega 120, unha iniciativa que puxo nos fogares catro millóns e medio de libros! En galego e de autores galegos. Xesús Fraga era a sabedoría daquel programa, o das preguntas de fondo, o dos amplos coñecementos literarios que contaba como chiscadelas.

Con este premio, Xesús fai medrar esa cerna literaria sinal de identidade da Redacción de La Voz. Os 140 anos do xornal están a menos de cen días pero repaso só os últimos 40. Alí estaban Xosé F. Ferreiro, co seu Morrer en Castrelo de Miño ou Agosto do 36. E Manuel A. Torneiro facendo poesía nos pés de foto, pero sobre todo en libros como Campo segado ou Os ángulos da brasa, co que acadou o Premio Nacional de Poesía. E Arturo Lezcano Fernández, Ruco [pai do Arturo Lezcano, de Madrid, 1983] autor de Os dados de Deus, Risco segundo Risco ou Ourense, Cittá aperta. E outro ourensán, Camilo Franco, escribindo En malos pasos, Por conto alleo ou Palabras contadas. E Tucho Calvo, que o mesmo facía a biografía a Valentín Paz Andrade que entraba na novela de terror con Telúrico.

E na Redacción están Ramón Loureiro, que vén de cumprir 25 anos nun mundo literario no que creou o seu territorio, Escandoi, un lugar máxico galego con ollada universal. E César Casal, premio Fernando Arenas por Tanta muerte. [O mesmo premio que recibiu Manuel Guisande por ¿Como somos los gallegos? Depende]. E Miguel Sande, poeta e autor teatral, premio Rafael Dieste por Ninguén chorou por nós. Non son autores de choros, como advirte outro xornalista-escritor, Luís Pousa en El cielo invisible: «A la literatura, a la buena, hay que venir llorado: este no es un texto nacido de lamerse las heridas, aunque no rehúya el recuerdo emocionado».