O favor que lle fixen a Feijoo

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

XOÁN REY

11 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pedro Feijoo, autor dalgún dos grandes éxitos da literatura galega, anda contando que hai mil anos aprobou Sociolingüística grazas a min, pois usou os meus apuntamentos mecanografados, e con sentenzas de opinión nas marxes. Como xa hai que deixei atrás as ínfulas académicas, non sei ben que facer con este estupendo dato curricular se non é demostrar con el que podo opinar sobre lingua. Claro que tampouco sei xa que facer cos coñecementos adquiridos naquelas clases en que xamais pensamos que o que estudabamos como lingua viva acabaría sendo un idioma minguante, como amosa un estudo da RAG e o Concello de Ames sobre o comportamento lingüístico da rapazada do municipio. É a consecuencia que xa previamos quen aprobaramos Sociolingüística, cando na primeira lexislatura de Feijoo (Alberto), se decretou a redución do galego no ensino. Con aqueles apuntamentos, aprendiamos que a mingua do galego só se resolvería se lográbamos sacalo dos espazos acoutados para preservalo, dado que estes son sistematicamente atacados pola visión cosmopaleta de quen vive nun trauma socioeconómico. Mestres que se negan a ensinar en galego, conselleiras que só falan castelán; o pailanismo lingüístico da TVG; promoción gobernamental de autores que non escribiron unha liña en galego. A proeza é lograr que volvan ao galego persoas expulsadas pola lexislación vixente. Precisamos neofalantes. Neolectores. Neoíntes. Neoprexuízos que convenzan de que o galego mola. Volver á lingua non pode depender dun mestre de primaria ou do querido Feijoo (Pedro), senón dunha toma de conciencia gobernamental. Pero claro, premiamos aos inconscientes, e así nos vai.