O enfado incrústase

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Carlos de Saá | Efe

06 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pásame ultimamente que, nas redes sociais, sigo xente que non sei quen é. Xente anónima, con vidas discretas, persoas que xamais coñecerei. Xente que conforma a inmensa maioría da sociedade que somos.

Sígoas por diversos motivos, pero todas coinciden en amosar un lado optimista da vida, unha empatía fóra do habitual, un amosar ese anaco fermoso da vida, unha procura da beleza... unha actitude positiva e conciliadora. Xente que, en definitiva, fai moita falta.

Mais onte volveume pasar. Unha desas persoas, unha desas mulleres que loitaban a diario para saír adiante, faleceu, despois de sufrir durante moito tempo unha enfermidade.

Doeume. Doeume e non puiden evitar chorar. De rabia, pois é inxusto que se seguen as vidas desa maneira. Tamén porque me lembra outras perdas próximas que deixaron a súa cicatriz para sempre. Mais tamén o fixen porque cando esa persoa falece non só se apaga a súa vida, senón que tamén se mutila unha parte da esperanza.

Faime pensar que o mal leva vantaxe sobre o ben, que o dano prima sobre a alegría, e iso provoca que viva á espreita. Resulta tremendamente esgotador.

Así que, por favor, non malgastes a túa enerxía en berrar, protestar, criticar e botar o día falando do que está mal para enfadarte. Ri, sorrí, fai un xesto agradable, evita as confrontacións. O enfado incrústase no outro a quen o diriximos e tamén nun. Desterra ese cabreo constante.

A vida, por desgraza, son dous días. Intenta que sexa pracenteira. As amarguras han vir soas. Non busquemos máis.